Caen un 14,5% as vendas dos vehículos de ocasión en Galicia no primeiro semestre do ano

Durante o mes de xuño a venda de transportes de ocasión sofre unha baixada do 18,7%, con 8.670 transferencias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2022 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

As vendas de vehículos de ocasión --coches con menos de 15.000 kilómteros-- acumularon un total de 50.245 unidades ata xuño en Galicia, o que implica un descenso do 14,5% respecto ao mesmo período durante 2021, fronte ao 4,5% do retroceso estatal, con 918.438 transaccións.

Así, Galicia situouse como a segunda autonomía coa variación máis negativa, tras Estremadura (-16,3%). A pesar do retroceso na venda, as cifras mencionadas permitiron que a rexión se colocase na quinta posición a nivel estatal respecto das transferencias totais.

Segundo os datos das patronais Faconauto (concesionarios) e Ganvam (distribuidores oficiais e independentes), a táboa liderouna Andalucía, con 164.935 vendas, seguida de Madrid --151.676--, Cataluña --128.561-- e a Comunidade Valenciana --101.570--.

Por outra banda, as operacións de vehículos de ocasión tamén sufriron unha caída respecto das canles de transferencia en España: empresas, alquiladoras e renting. Respectivamente, as tres canles rexistraron un retroceso do 29,9%, un 22,6% e un 13,1% os primeiros seis meses de 2022.

En canto ás fontes de enerxía, os vehículos usados que empregan diésel supuxeron o 58,8% do total de operacións realizadas no estado, uns 539.000 turismos, pero contraéronse as vendas un 6,6%. Pola súa banda, os de gasolina tamén caeron un 5%, e sumaron 328.774 vendas --36% do total--.

Respecto das propulsións alternativas, os modelos eléctricos puros de segunda man, aínda que apenas representaron o 0,7% do mercado, creceron un 44,6%. Ademais, os diésel/eléctricos enchufables incrementaron as unidades vendidas nun 109,8%, mentres que os vehículos gasolina/eléctricos fixérono nun 33,3%.

GALICIA BAIXA UN 18,7% EN XUÑO

As cifras proporcionadas por Faconauto e Ganvam indicaron que o mes de xuño propiciou en Galicia unha caída do 18,7% nas vendas do sector. Na rexión anotáronse 8.670 transferencias o último mes.

O descenso galego superou con fartura ao conxunto estatal. En España, o mercado de ocasión experimentou unha baixada do 4,1%, con 165.181 unidades, e encadea cinco meses en negativo pola falta de stock, sobre todo, de modelos novos. Neste sentido, os datos mostraron que as operacións con vehículos entre un e tres anos esborralláronse un 38,3% no que vai de ano.

Foto de arquivo. Patricia Galiana - Europa Press
Foto de arquivo. Patricia Galiana - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta