Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/07/2022 | Actualizada ás 12:33
Familiares de vítimas do naufraxio do pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo', que se afundiu o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá), insistiron este venres en pedir unha reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, cando se cumpren cinco meses da traxedia.
A portavoz das familias, María José de Pazos, subliñou que o Executivo "ten a obriga de investigar, independentemente de que haxa unha vía xudicial aberta", xa que, segundo ela, así o establece a regulación actual.
"Hoxe hai 5 meses deste naufraxio, o máis importante deste século, coa maior sinistralidade (faleceron 21 dos 24 mariñeiros do buque), de maior escurantismo e, que fixo o presidente Sánchez? Non fixo absolutamente nada", criticou De Pazos, quen asegurou que "aínda está a tempo" de facelo.
"Hoxe tiña que anunciar (Pedro Sánchez) que se baixa ao pecio e dar unha explicación ás familias, a toda a sociedade, merecemos unha resposta contundente", reivindicou a portavoz das familias, indicando que o próximo día 26 de xullo reuniranse coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, pero insistindo en que tamén queren ver ao propio Pedro Sánchez.
Todo iso despois de que este xoves familiares das vítimas do 'Villa de Pitanxo' visitasen Bruxelas para reunirse con diferentes representantes políticos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.