Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/08/2014 | Actualizada ás 16:16
A posibilidade de presentar listas conxuntas entre forzas nacionalistas e de esquerda avanza en Galicia. Así, ás propostas de pactos que xurdiron na Coruña, Vigo, Compostela, Ferrol ou Ourense, súmase agora Lugo.
De feito, persoas asinantes de Somos Maioría de Lugo reuniranse para ver de promover unha candidatura de unidade cidadán en Lugo. Nesta xuntanza, en réxime de autoconvocatoria trataríase de lanzar unha marea en Lugo, ao abeiro dos principios do Manifesto Somos Maioría.
Así, os obxectivos serían promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, “subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación”. Tamén, “poromover e alentar e candidaturas cidadáns plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego”.
Por outra banda, o equipo base na Coruña do Partido Humanista, apoiou por unanimidade o seu apoio á Marea Atlántica da Coruña. “Sabemos que só da converxencia da diversidade xorden respostas que avanzan cara á superación da dor e o sufrimento. Sabemos que calquera avance xurdirá da implementación de novas formas baseadas en novos valores. Sabemos que a non discriminación, a igualdade de oportunidades, a toma de decisións por parte de todos e a non violencia son antítese dos valores e formas da actual época, que se acaba e está en crise”, apunta esta formación nun comunicado.
Por iso, animan a amigos e simpatizantes a participar nesta iniciativa, “baseada na democracia directa, extremando garantías de respecto ás minorías e efectivizando o principio de igualdade de dereitos e oportunidades para todos”.
O Partido Humanista destaca que, para que esta unidade de acción funcione hai que asumir a “renovación permanente das institucións xurídicas e políticas, baseada na idea de superación do vello polo novo” e tamén aplicando maior “transparencia dos procedementos políticos usados”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.