O BNG reclama que a titularidade do Parque Empresarial de Vimianzo pase á Xunta

Rego demanda que se outorgue á Xunta a titularidade "completa" do polígono por "as discrepancias e as diferenzas de criterios".

Por E.P. | A CORUÑA | 23/07/2022 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclamou a transferencia da titularidade para a Xunta de Galicia do parque empresarial de Vimianzo, para lograr unha "mellor planificación industrial" e unha "optimización das actuacións de promoción" do polígono.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o deputado no Parlamento de Galicia Daniel Pérez, defenderon a "necesidade" de acabar coas "discrepancias e as diferenzas de criterios" entre o Goberno central e a Administración autonómica --que actualmente posúen a titularidade conxunta--, para poñer en marcha "o desenvolvemento social e económico" de Vimianzo.

Así o expresou este sábado a formación nacionalista mediante un comunicado, a través do cal denuncian que o Goberno do Estado "non está a cumprir" cos obxectivos iniciais da iniciativa, creada para compensar o desastre do Prestige e dotar a zona de ferramentas para a súa recuperación.

"A mellor solución para que este parque empresarial se poida desenvolver é que se transfira á Xunta, de forma que non haxa ningún tipo de pretexto (...) para realizar unha política industrial que permita que as empresas se instalen nun polígono que, a día de hoxe, está a monte", aseverou Rego.

Neste sentido, o deputado da formación nacionalista resaltou a "importancia" de que a política industrial favoreza á "instalación de empresas locais, comarcais ou novas empresas" no polígono do municipio coruñés.

Pola súa banda, a portavoz municipal de Adiante Vimianzo (AV), Marta Rei, destacou a "posición estratéxica" do parque empresarial dentro da comarca da Costa da Morte e a súa proximidade á Coruña (40 minutos). "Isto pode ser atractivo para empresas non só do ámbito local, senón para empresas da zona", asegurou a portavoz.

"Se de verdade se quere apostar polo rural, o futuro económico de Vimianzo pasa polo parque; a día de hoxe só hai tres empresas instaladas ", afirmou Rei.

Rolda de prensa de Néstor Rego (BNG).. Eduardo Parra - Europa Press
Rolda de prensa de Néstor Rego (BNG).. Eduardo Parra - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta