A ministra de Defensa carga contra as CCAA que "non fixeron os deberes" para previr incendios e piden axuda á UME

Rueda urxe a Sánchez axudas polos incendios e censura as declaracións de Robles, aínda que non se dá por aludido.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 28/07/2022 | Actualizada ás 10:54

Comparte esta noticia

A ministra de Defensa, Margarita Robles, censurou este xoves as comunidades autónomas que "non fixeron os deberes" en prevención de incendios antes do verán e agora tiveron que recorrer á axuda da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A ministra de Defensa, Margarita Robles, nunha visita a Unidade Militar de Emerxencias (UME) na Base Aérea de Torrejón (Madrid)
A ministra de Defensa, Margarita Robles, nunha visita a Unidade Militar de Emerxencias (UME) na Base Aérea de Torrejón (Madrid) | Fonte: A. Pérez Meca - Europa Press.

"Non pode ser que cando chegan os incendios nos acordemos da UME", sostivo sen querer sinalar directamente ningunha autonomía, pero criticando que se busquen "culpables" xa en plena campaña de incendios ou se recorra a "ocorrencias de última hora" como "botar man de parados".

Nunha entrevista en Telecinco, Robles explicou que os labores de prevención de incendios "levan moito tempo" e "non pode ser que a principio da tempada de verán algunha comunidade autónoma non tivese feito os deberes". Aínda que non quixo citar directamente ningunha autonomía nas súas críticas, si que destacou a Andalucía como exemplo "en positivo", xa que alí hai un equipo "potente" que non requiriu da colaboración da UME "porque se traballou e se fixo esa prevención".

"Solucións, previsión e investir previamente", reivindicou, non sen antes mostrar o seu "orgullo" polo labor desenvolvido durante estes meses polos efectivos da UME, en colaboración con membros do Exército do Aire e do Exército de Terra. En Galicia, a UME actuou no dispositivo despregado para os incendios do Courel (Lugo), que leva arrasadas 11.100 hectáreas, e Valdeorras (Ourense), cun balance de 10.500.

RESPOSTA DE RUEDA

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, pediu este xoves ao xefe do Executivo, Pedro Sánchez, que mobilice canto antes axudas polos incendios que arrasaron este territorio nas últimas datas. Ao tempo, cargou contra as "declaracións desafortunadas" da ministra de Defensa, Margarita Robles, sobre a intervención da UME, aínda que non se deu por aludido cando falan de comunidades "que non fixeron os deberes".

Na rolda de prensa posterior á reunión que mantivo con Sánchez no Palacio da Moncloa, Rueda precisou que "non quere marcar a fórmula xurídica" a Sánchez para acometer estas axudas, aínda que si que ve conveniente e necesario que se declare Zona Catastrófica para poder axilizar as axudas.

Sobre a petición que realizou o seu homólogo de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, de convocar unha Conferencia de Presidentes para abordar a situación dos incendios, Rueda admite que lle parece "ben" que se fale deste asunto que "preocupa moitísimo á cidadanía". Con todo, cre que "hai temas moito máis urxentes" para convocar unha Conferencia de Presidentes, "sen negar a importancia dos incendios".

CONTRA AS DECLARACIÓNS DE ROBLES

Así mesmo, o presidente da Xunta de Galicia criticou na súa intervención inicial as declaracións da ministra de Defensa. "Pedín a Sánchez que tentemos afastar ao debate político dun tema tan serio como é o dos incendios, transmitir que as declaracións da ministra de Defensa son desafortunadas", dixo Rueda. Neste contexto, defendeu que cando chega a UME a un territorio "xa se realizou un traballo previo durante meses" e, precisamente, recórrese a esta unidade de emerxencias porque "se necesita".

NON SE DÁ POR ALUDIDO

En calquera, ao ser preguntado por se el se deu por aludido ante estas declaracións da ministra, Rueda sinalou que non, pero que "hai incendios en todas as comunidades autónomas". "Moléstame esta declaración, é innecesaria, cando se piden medios é porque se necesitan e a UME é un recurso de todos os españois, e ese tipo de declaracións están fóra de lugar", sentenciou o presidente da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Mási aló do oportunismo político, se a intervención da UME costounos 21.000 Há. queimadas, ao mellor non deberamos chamar nunca máis á UME e permtirlle aos veciños debidamente formados e apoiados polos Servizos de Extinción de Indencios defender as súas propiedades ante o lume ? Claro que algún dirá que o primeiro é salvar vidas, aínda que para iso arda todo o Courel ! http://gamela00.blogspot.com/2016/1... Toda a vida a xente fíxolle fronte aos incendios, e seica agora teñen que converterse en figurantes para os programas sensacionalistas das televisións (?)

1 Gamela

Segundo informa o GC : No incendio do Courel traballaron durante dúas semanas 314 axentes, 509 brigadas, 259 motobombas, 13 pas, 20 avións, 27 helicópteros de extinción, 22 técnicos e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) Así que tampouco é para botar foguetes por parte da Ministra de Defensa !!!