GC Aberto

Incompetencia ou estratexia

Por admin | GCABERTO | 29/07/2022

Comparte esta noticia

“A esencia da estratexia é elexir que non facer. Moitos concéntranse nas súas ambicións,

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal.

pero deixan ao carón as cousas que deben previr”. Michael Eugene Porter, 1947, académico americano.

A política de desmantelamento do Sistema Sanitario Público Galego vén de anos atrás. Os gobernos do PP na Galiza, practicaron a política de recortes nos servizos públicos que nos levaron a esta situación actual de deterioro da Sanidade Pública, que culmina co colapso actual nos Centros de Saúde e a masificación das consultas, incluídas as dos Hospitais.

No 2008 tiñamos unha Lei Galega de Saúde, que foi cambiada polo goberno de Feijoo en dúas ocasións: na primeira fixeron desaparecer 4 Áreas Sanitarias e a Participación Cidadá. Na segunda (declarada inconstitucional) quixeron facer obrigatoria a vacinación. Outras desfeitas practicadas foron a falta de inversión na AP o que levou a que neste ano 2022 teñamos 2 millóns menos de orzamento que no 2021 e 14 millóns menos que no 2008 (cunha Pandemia por medio).

Na primeira modificación, anunciada o 07/12/2017, enchíaselle a boca a Feijoo dicindo que "blindará os 14 hospitais comarcais da comunidade, porque o que se trata é de facer unha sanidade máis próxima aos cidadáns e evitar máis de 250.000 desprazamentos aos hospitais das grandes cidades. Tamén se habilita o concurso aberto permanente, en resposta a unha petición reiterada dxs profesionais sanitarios”. O conselleiro, Almuíña, defendeu esta reorganización (por suposto). O resultado foi que retiraron a categoría de Área Sanitaria a 4 destes hospitais (o do Salnés, A Mariña, o de Monforte de Lemos e o de Valdeorras). E a vista está o “éxito acadado”. Os hospitais comarcais supuxeron toda unha revolución asistencial para as súas poboacións de referencia. Hoxe, no 2022, adoecen de persoal e servizos que noutro tempo prestaron con gran capacidade e autonomía. A eliminación das Áreas

Sanitarias fíxose nos hospitais máis periféricos, os máis afastados dos grandes hospitais de

referencia. Foi un agravio para a poboación, convertindo aos usuarios/as en cidadáns de segunda categoría.

O INE publicou hai uns días os dados de colexiación médica correspondentes ao ano 2021, fornecidos polos propios Colexios Médicxs. O 24,5% dxs médicxs colexiadxs na Galiza, teñen 65 anos ou máis e outro 26,2% ten entre 55 e 64 anos, sumando un 50,7% de profesionais que ou ben xa superaron a idade legal de xubilación ou que se achegan a ela. Dez anos antes, estas porcentaxes eran moi inferiores, cun 10,6% de profesionais por riba de 65 anos e outro 23,8% entre 55 e 64, sumando en conxunto un 34,4% por riba de 55 anos. Dende diferentes organizacións, levamos anos demandando que hai que “facer un plan de ordenación de recursos humanos, para identificar as necesidades de persoal e poñer solucións”. Este problema é a crónica dun desmantelamento anunciado. Nos dados xerais de médicxs por habitante, Galicia tamén se sitúa por debaixo da media española (469 profesionais colexiadxs por cada 100.000 habitantes fronte a 499 no estado español).

Podríamos considerar que xs responsables de administrar a Sanidade na Galiza, son xente que está errada na súa forma de organizar o Sistema...pero a realidade é tozuda, e dinos, que dende fai moitos anos, síguese unha política determinada, onde priman os intereses corporativos, deixando de lado a eficiencia sobre o ben máis preciado que temos, a nosa saúde. Vemos as portas xiratorias que se producen en xente que se dedicou a sanidade privada e logo pasa a ser conselleira (Rocío Mosquera), vemos personaxes que levan anos e anos, en cargos intermedios na sanidade, levándoa ao seu desmantelamento e favorecendo a iniciativa privada cas súas decisións...e vemos a un responsable máximo, que acepta de bo grao esta forma de actuar... polo que podemos deducir que a estratexia está presente en todalas actuacións que fan.

Si non actuamos a tempo, para moitxs será tarde!

Artigo de Opinión do Dr. Xosé Mª Dios Diz, Médico especialista de AP de Outes. Xullo 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta