O 70% das 108 vítimas de violencia sexual que houbo en Galicia en 2021 eran menores

As audiencias galegas xulgaron o pasado ano oito persoas ao mes por estes delitos, o 86% tiña unha relación previa coas vítimas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2022 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

As audiencias de Galicia xulgaron en 2021 a 89 persoas por violencia sexual, unha media de oito ao mes, por agresións ou abusos sobre 108 presuntas vítimas, o 70% menores de idade. Así o anunciou o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, na presentación da Memoria da Actividade Xudicial dos Tribunais e Xulgados de Galicia de 2021, que "por vez primeira" reflicte datos sobre este tipo de xuízos.

Díaz-Castroverde alertou de que existe unha base social "importantísima" que son as "mulleres menores de 16 anos", un feito co que hai que "lidar" para evitar que iso se produza. Na súa comparecencia, insistiu ademais en que "hai que traballar coas contornas próximas á vítima porque moitas veces son determinantes e desencadeamentos do abuso", xa que no 86% dos casos existía unha relacion previa. O 71% deles foron condenados.

O titular do alto tribunal galego indicou que este tema é "tremendamente preocupante" por ser "unha secuela que a miúdo permanece oculta" e alertou de que "en moitos casos esta violencia sexual desprégase no ámbito da parella". Ao mesmo tempo sinalou que as denuncias por violencia de xénero aumentaron en Galicia case un 3% o ano pasado.

"FRACASO SOCIAL"

"Cando estes casos chegan aos tribunais, o dano xa está feito e isto é un fracaso social", sentenciou. Por este motivo, explicou que "o importante" é "erradicar as condutas sociais que están a producir esta situación" e "traballar no ámbito da prevención". Segundo Díaz-Castroverde, cifras como que o 21% da xente nova considere que a violencia de xénero non existe é algo "realmente insustentable".

Neste sentido, destacou que a educación é "fundamental" e un dos instrumentos "máis importantes" é o programa Educar en Xustiza, no cal participaron o pasado ano 500 estudantes de centros galegos.

BALANCE ANO 2021

Os datos recompilados polo TSXG revelan tamén que os xulgados e tribunais galegos resolveron en 2021 máis de 330.000 procedementos; un 19% máis que en 2020 e un 2% máis que en 2019, o ano previo á crise sanitaria. Os órganos recibiron máis de 320.000 novos asuntos; un 10% máis que en 2020, e un 2,5% menos que en 2019. A 31 de decembro tiñan 156.000 casos en trámite; un 7% menos que nas mesmas datas de 2020, e practicamente os mesmos que en 2019.

Esta memoria elaborada polo TSXG reflicte tamén que tanto a entrada como a resolución de asuntos aumentou o pasado ano en todas as provincias e en todas as xurisdicións, nas que descenderon os procedementos en trámite. Respecto das demandas de unidades xudiciais, Díaz-Castroverde manifestou que o obxectivo é "manter e aumentar" os reforzos na Coruña porque "neste momento" teñen un volume de asuntos en trámite "superior" aos de Vigo.

SUPERADOS OS EFECTOS DA PANDEMIA

Díaz-Castroverde insistiu en que estas cifras "demostran" que os órganos xudiciais "superaron un reto importante que era recuperar a normalidade tras a paralización xudicial pola pandemia". Na súa intervención o presidente do TSXG destacou tamén que, tras a crise sanitaria, o avance no uso das novas tecnoloxías foi "notable" e permitiu ser "máis eficientes" e avanzar no obxectivo de conseguir unha Administración de Xustiza que responda "con axilidade" ás demandas da sociedade.

En canto ás salas do TSXG --civil-penal, contencioso-administrativo e social--, ingresaron 10.400 procedementos; un 31% máis que no ano 2020, e un 10% máis que o 2019. Resolvéronse ademais 9.500 asuntos; un 12% máis que no 2020, e 11% máis que no 2019. O presidente do alto tribunal galego, analizando os datos dos últimos anos, asegurou que se produciu unha "enorme mellora" na situación das tres salas.

Manifestación contra a violencia machista | AXM
Manifestación contra a violencia machista | AXM

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta