A mina de ouro romana atopada na Mariña xa é un ben protexido

A Dirección Xeral de Patrimonio incluíu esta mina nos seu inventario, ao igual que fixo tamén coa mámoa do Chivadoiro, tras a insistencia da asociación Mariña Patrimonio.

Por Galicia Confidencial | Barreiros | 03/09/2014 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Dous novos sitios arqueoloxicos ubicados na contorna de Santo Estevo do Ermo, no concello de Barreiros (Lugo), xa están legalmente protexidos. Trátase dunha mina romana, denominada Explotación mineira Forno dos Mouros – Cano dos Mouros, así como a mámoa do Chivadoiro.

Nova mina de ouro romana catalogada por Patrimonio na Mariña
Nova mina de ouro romana catalogada por Patrimonio na Mariña

Esta nova protección de bens patrimoniais foi grazas á solicitude realizada pola asociación MariñaPatrimonio á Dirección Xeral de Patrimonio. A mina está dividida en dous tramos, un aproximadamente mide uns 400m de lonxitude e 1.70m de ancho. Nas partes mellor conservadas chega aos 4m de profundidade. Unha singularidade desta mina é a existencia dunha especie de pontes, que os mineiros foron deixando cada catro metros cando picaban a rocha, posiblemente como medida de seguridade para evitar o seu derrubamento.

Na inspección realizada por técnicos de Patrimonio e polo arqueólogo especialista en minas romanas, Santiago Ferrer, constatouse que nesta explotación os mineiros seguían unha veta de seixo, da que quedaron mostras nas pontes antes mencionadas. Á espera dunha análise das mostras de seixo recollidas, todo parece indicar que o filón que se explotou no monte de Coira era de seixo aurífero. Polo tanto, trataríase dunha nova mina de ouro de época romana, que se sumaría ás de A Cova, A Espiñeira e ás do castro do Carreiro; todas elas ubicadas no contorno da desembocadura do río Masma.

En 1876  o historiador José Villamil y Castro publicou na revista Museo Español de Antigüedades o artigo “ Castros y mámoas de Galicia”, no que fala do foxo do monte de Coira e confunde esta gabia mineira co foxo do  sistema defensivo dun castro.

Por outro lado, e coa denominación Túmulo de Monte dos Trobos – Chivadoiro, a Dirección Xeral de Patrimonio incluíu tamén no inventario esta mámoa localizada casualmente por membros da Irmandade Santo Estevo e de MariñaPatrimonio coincidindo cunha visita a unhas galerías mineiras que se atopan neste lugar. 

Estas galerías foron inspeccionadas posteriormente polos arqueólogos de Patrimonio que concluíron que se trata de explotacións relativamente modernas para a extracción de ferrro e aínda que non foron incluídas no inventario de xacementos arqueolóxicos, teñen un gran valor histórico e etnográfico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta