O Festival Internacional de Xardíns de Allariz ten o 'seu propio xabón'

A Asociación A.N.D.R.E.A, en colaboración co Concello de Allariz, presentou o novo xabón aromático 'Romeu Bio' elaborado con leite de burra en San Salvador dos Penedos en Allariz. Como curiosidade engadida, o seu deseño reproduce o logo do Festival Internacional de Xardíns.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 07/08/2022 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Trátase dun xabón aromático de alta calidade elaborado con aceite esencial BIO, que achega un aroma san e natural, e que nos garante que é da máxima calidade 100% biolóxico e natural (non conteñen moléculas de sínteses nin están mesturados con outras substancias nin outros aceites esenciais de menor calidade).

Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente, María López, concelleira de Promoción Económica e Elsa Pérez presentaban días atrás no recinto do Festival Internacional de Xardíns de Allariz o novo xabón. Foto: Prensa Concello de Allariz
Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente, María López, concelleira de Promoción Económica e Elsa Pérez presentaban días atrás no recinto do Festival Internacional de Xardíns de Allariz o novo xabón. Foto: Prensa Concello de Allariz

Este xabón ten outra característica xa que o seu deseño reproduce o logo do Festival Internacional de Xardíns de Allariz. Dentro leva unha bolsa de tea para colgalo nun armario ou poñelo nun caixón para aromatizar a roupa, toallas, sabas... Este xabón está á venda no Festival Internacional de Xardíns de Allariz, ademais dos puntos habituais de venda da marca.

UN XABÓN SAUDABLE, FEITO EN ALLARIZ E CON FINS BENÉFICOS

En aromaterapia o aceite esencial de romeu utilízase para dar vigor, enerxía e entusiasmo. Ten un efecto estimulante sobre o sistema nervioso, ao mesmo tempo que axuda a controlar o estrés. A nivel físico relaciónase coa limpeza do sistema respiratorio, e recoméndase para despexar pulmóns e bronquios.

Os xabóns elabóranse artesanalmente en Allariz, o que fai que cada un dos xabóns sexa único e diferente. Ademais Xabón D’Allariz Aromático é un produto ético e solidario: os beneficios obtidos pola venda dos xabóns dedícase integramente a subvencionar os Programas de Terapia asistida con animais da Asociación A.N.D.R.E.A. para persoas con discapacidade.

Xabón D’Allariz é un proxecto non produtivo froito da colaboración entre a Asociación A.N.D.R.E.A. (Asociación para a Defensa, Recuperación e Estudo Terapéutico da Especie Asnal) e o Concello de Allariz. Este proxecto conxunto púxose en marcha no ano 2008 como unha experiencia en San Salvador dos Penedos, enmarcada dentro dun proxecto de recuperación e dinamización de superficies e poboacións rurais da Reserva da Biosfera “Área de Allariz”. Esta experiencia pioneira afectou a un núcleo de poboación deshabitado e a súa contorna, que se atopan nunha zona de especial protección dentro da Reserva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta