O Goberno central augura unha caída dos prezos a partir de setembro, tras un IPC histórico do 10,8%

Nadia Calviño sinala a guerra en Ucrania como decisiva no encarecemento da vida e pide "prepararse para o peor".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/08/2022 | Actualizada ás 20:55

Comparte esta noticia

A vicepresidenta primeira do Goberno central e ministra de Economía, Nadia Calviño, asegurou este venres que o Executivo traballa cun escenario de desaceleración de prezos a partir de setembro, despois de que hoxe o Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmase un IPC do 10,8% en xullo, o seu nivel máis alto desde 1984. Así o sinalou Calviño en declaracións en Vigo, onde acudiu para ser a pregoeira do acto de celebración do Día de Galicia na cidade.

Moedas e billetes
Moedas e billetes | Fonte: EUROPA PRESS.

A ministra de Economía asegurou que tanto o Banco Central Europeo (BCE) como o Banco de España prevén que os prezos se desaceleren a partir de setembro, pero reivindicou que o Goberno xa tomou medidas que están a ser eficaces para conter a alza dos prezos e apoiar ás rendas das familias.

Calviño lamentou a importante alza dos prezos da enerxía nos mercados internacionais e doutras materias primas por mor da guerra en Ucraína, o que, segundo ela, acelerou o aumento de prezos en España.

"Con Vladimir Putin (presidente de Rusia) hai que prepararse para o peor e é o que estamos a facer, adoptando cos nosos socios europeos un conxunto de medidas que sexan eficaces para amortecer un posible impacto das súas decisións", reivindicou a vicepresidenta primeira do Executivo de Pedro Sánchez.

Todo iso despois de que o INE confirmase este venres que o Índice de Prezos de Consumo caeu un 0,3% en xullo en relación ao mes anterior, aínda que disparou a súa taxa interanual ata os 10,8% puntos, o seu nivel máis alto desde setembro de 1984 e seis décimas por enriba da rexistrada en xuño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta