Médicos de Pontevedra aplauden os cambios na Xerencia da área sanitaria tras anos de "trato vexatorio"

O Colexio profesional celebra o cese do xerente e confía en que se resolvan os problemas da área.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 13/08/2022 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

O Colexio de Médicos de Pontevedra mostrouse satisfeito cos recentes cambios na Xerencia da área sanitaria, que cualificou de "imprescindibles". "Trataremos de confiar en que os problemas sanitarios que nos aburan sexan resoltos con eficacia e co consenso dos traballadores implicados que, ata agora, non se tiveron en conta", sinalan nun comunicado.

Hospital Montecelo de Pontevedra
Hospital Montecelo de Pontevedra | Fonte: SERGAS - Arquivo

Sobre isto, os facultativos pontevedreses censuran o "trato vexatorio recibido por parte da Consellería de Sanidade e, especialmente, pola Xerencia da área sanitaria de Pontevedra". "Afortunadamente, foi cesada tras anos dunha xestión, ao noso entender, moi deficiente. A falta de empatía e as formas de tratar aos seus traballadores era, cando menos, reprobable", continúan.

Lembran ademais que o seu ben "máis prezado" son os profesionais, que traballan "en condicións penosas na maioría das ocasións sen que o seu esforzo sexa recoñecido".

O Colexio considera que a distorsión na atención aos pacientes foi "aceptada" polos xestores autonómicos como parte dun problema "que de ningún modo parece ser da súa competencia ou responsabilidade, escudándose en razóns estruturais das que pretenden ser alleos".

Nesta liña, apuntan para o efecto que tivo a "expulsión" na década pasada de profesionais con argumentos económicos "que non se sosteñen, provocando un malgasto de talento intolerable". "A isto sumouse a incapacidade do SERGAS para fidelizar aqueles especialistas formados nos últimos anos como consecuencia da precariedade dos contratos ofertados", comentan.

Por último, inciden en censurar o comportamento da antiga xerencia cos seus traballadores e o "arbitrario" nomeamento de coordinadores de servizo, "que os tribunais de Galicia tiveron a ben revogar". "Inquiétanos que esta forma de proceder se instalou nesta área sanitaria sen que ao parecer produza rubor a ninguén", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta