Espectacular programa para a Festa da Empanada de Allariz

Do 19 ao 21 de agosto, a vila do Arnoia contará con eventos deportivos, cinema, pasarrúas, concertos a cargo de formacións como: Uxía Lambona e a Banda Molona, Tecor Societario, Ruxe-Ruxe ou De Vacas; e un orixinal concurso de elaboración de empanadas para afeccionados e profesionais. Dámos detalle das actividades.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 17/08/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Do 19 ao 21 de agosto Allariz acollerá unha nova edición da Festa da Empanada e farao cunha ampla e atractiva programación pensada para pequenos e maiores.

'Uxía Lambona e a Banda Molona' en concerto. Foto: XMF
'Uxía Lambona e a Banda Molona' en concerto. Foto: XMF

O venres 19 de agosto, día no que arrinca a celebración, terá lugar o Campionato Infantil da Billarda ás 11:00 h. e xa pola tarde, ás 19:00 h., será a final do Campionato da Billarda Senior. O terreo de xogo será o Campo da Barreira. Nesta xornada tamén haberá unha festa infantil no Campo de Vilanova ás 17:00 h. e a proxección da película Live is Life ás 23:00 h.

Na xornada do sábado 20 destaca pola mañá --ás 11:00 h-- a XXXII Regata de Piragüismo, Liga provincial-Copa Deputación dende o embarcadoiro da Alameda, e pola tarde a celebración de varios concertos que farán gozar á cativada e aos máis mozos. En horario de tarde ás 19:30 h. o Campo de Vilanova fará vibrar á cativada cun concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona; e a partires das 22:00 h. Tecor Societario e Ruxe-Ruxe actuarán para un público máis mozo e adulto nos Xardíns do Museo do Coiro.

Unha das novidades deste ano é a celebración dunha exaltación da empanada coa Xornada Gastronómica que terá lugar nos Xardíns do Museo do Coiro. Estas xornadas contarán coa participación da D.O. Monterrei e darán comezo a partir das 21:00 h.

O domingo 21, a Banda de Música Agrupación Musical do Rosal realizará un pasarrúas dende as 11:00 h. e a partir das 12:00 h. os xigantes e cabezudos de Allariz realizarán un desfile acompañados polo grupo de gaitas De Pe Feito. O percorrido será dende a Praza de Abastos ata o Campo de Vilanova.

Presentación da Festa da Empanada 2022. Foto: Prensa Concello de Allariz.
Presentación da Festa da Empanada 2022. Foto: Prensa Concello de Allariz.

Como final á mañá dominical, a Banda de Música Agrupación Musical do Rosal ofrecerá un concerto no Campo de Vilanova.

Pola tarde e para continuar coa música, o grupo De Vacas estará no Campo de Vilanova a partir das 19:30 h. Ao remate do concerto haberá Baile Popular a partir das 21:00h nos Xardíns do Museo do Coiro co Grupo Claxxon. A verbena co mesmo grupo comezará a partir das 00:00 h.

Poderase atopar empanada durante toda a fin de semana nos locais de hostalería así coma en panaderías e pastelerías, e o domingo haberá Festa Campestre no Campo de Vilanova con churrasco e polbo durante toda a xornada.

CONCURSO DE ELABORACIÓN DE EMPANADAS

Outra das novidades deste ano será o concurso afeccionado e profesional de Empanada que se realizará a partir das 12:30 h. Todas aquelas persoas que queiran participar deberán anotarse no correo electrónico participa@allariz.gal. Respecto dos premios, para a categoría profesional concederase o distintivo de Mellor Empanada de Allariz, e para a categoría afeccionada haberá tres premios, o primeiro clasificado recibirá un vale de 300€, o segundo e terceiro un vale cada un de 100€. Todos os vales poderanse gastar no comercio e na hostalería local. As bases do concurso estarán colgadas na web do Concello de Allariz.

A organización do evento designará un xurado para realizar o concurso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta