O Goberno financiará máis de cen oficinas de orientación para alumnado vulnerable en Galicia

Situaranse en centros de ensino, co foco nas escolas unitarias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2022 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, avanzou este xoves que o Executivo central financiará con case 6,4 millóns a creación de 133 unidades de orientación familiar e persoal a alumnado educativamente vulnerable de Galicia.

Tal como destacou Miñones, un dos obxectivos que pretende o Ministerio de Educación e Formación Profesional con esta acción é reforzar a orientación con especial atención a aqueles centros educativos situados en zonas rurais e as escolas unitarias, "o que incrementa o seu impacto na comunidade".

As unidades de acompañamento e orientación servirán para acompañar as traxectorias educativas do alumnado máis vulnerable dunha zona para previr fracasos e promover a súa aprendizaxe e éxito escolar, en colaboración con outros profesionais. O programa aplicarase desde educación primaria ata o final da ESO e Bacharelato en centros sostidos con fondos públicos e desenvolverase os cursos escolares 2021-2022, 2022-2023 e 2023-2024.

O pasado curso, o Goberno achegou 1,5 millóns para a creación de 39 unidades. O próximo ano aumentarase con 42 novas unidades, con case 2 millóns de euros de financiamento. En 2023-2024, serán 2,8 millóns os investidos para totalizar ata 133 unidades de orientación.

Segundo reivindicou Miñones, esta iniciativa, que contará con fondos europeos, é froito dunha nova colaboración entre o Goberno e a Xunta, tras elaborar un programa consensuado polos profesionais do Ministerio coas autoridades educativas da Comunidade galega. "Supón un novo exercicio da cogobernanza coa que o Goberno xestiona e executa os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia", reivindicou Miñones, segundo recolle o Executivo nun comunicado.

Escola unitaria de Brión
Escola unitaria de Brión | Fonte: Remitida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta