Ames pide á veciñanza aforrar auga tras un verán de aumento do consumo a pesar da seca

O executivo local advirte do estado "crítico" do abastecemento de auga no municipio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2022 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

O Concello de Ames pediu á súa veciñanza que se comprometa co aforro de auga ante a situación de seca que padece toda Galicia e que no municipio da comarca de Santiago se deixa ver no baixo nivel que presenta o río Tambre.

O rexedor amiense, Blas García, diríxese á veciñanza nun vídeo publicado este luns na web do goberno local para demandar a implicación co aforro de auga despois dun verán no que aumentou nun 3% o consumo a pesar da situación de seca.

Así, o alcalde lamenta que este verán se truncase a tendencia positiva marcada o pasado ano, no que se reduciu o consumo case un 8%. Os datos desta tempada estival deixan unha repunta por encima do 3% e, particularmente, un 4,13% na primeira quincena do presente mes de agosto.

Por tanto, o executivo local advirte do estado "crítico" do abastecemento de auga no municipio, cunha baixada do caudal do río Tambre duns 61 centímetros por baixo do tubo de captación, 21 deles nas últimas dúas semanas. Tamén preocupa a situación en Quistiláns e o estado das captacións nos núcleos rurais que carecen de abastecemento municipal e que se serven de mananciais e pozos onde hai problemas para sacar auga.

Así as cousas, García avisou da posibilidade de que se produzan cortes de auga no caso de que non producirse precipitacións que alivien a situación de seca. Por iso, pide á poboación que siga unha serie de consellos que poden consultarse na web municipal para conter o consumo. Entre eles están usar a ducha en lugar do baño, empregar a lavadora chea, limitar o enchido de piscinas, non empregar o váter como papeleira, optimizar o lavado de vehículos ou limitar a limpeza das rúas.

Caudal do río Tambre ao seu paso por Ponte Maceira, en Negrerira / Concello de Ames. / Europa Press
Caudal do río Tambre ao seu paso por Ponte Maceira, en Negrerira / Concello de Ames. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta