O goberno de Santiago, sobre os pisos turísticos: "Non estamos prohibindo, estamos regulando"

Presenta tamén un Plan contra a seca ante a situación de prealerta no río Tambre.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2022 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

A concelleira de Urbanismo do Concello de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, asegurou que o consistorio da capital galega aposta por regular as vivendas turísticas e que as súas políticas non pasan por prohibir este modelo de negocio. "Non as estamos prohibindo, estamos a regulalas", asegurou Rosón a preguntas dos medios este martes nunha comparecencia de prensa.

Actualmente, a capital galega conta con case 1.000 vivendas de uso turístico das cales 900 están a desenvolver a súa actividade en Compostela sen habilitación municipal, segundo indicou a edil de Urbanismo. "Os pisos turísticos teñen que existir, pero temos a obrigación como políticos de ter unha regulación. Todos temos que cumprir as regras, e houbo xente que non cumpriu coa normativa", aseverou a concelleira.

Así mesmo, criticou a actitude da Xunta ante a situación: "Ao concello chámalle a atención que Turismo de Galicia teña esta negativa a cumprir a súa propia normativa", afirmou Rosón. Nesta liña, Mercedes Rosón subliñou que a Xunta "non está a sacar" do seu rexistro esas 900 vivendas turísticas "ilegais". Ademais, lembrou a existencia de dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galica (TSXG) que "avalan" as decisións do consistorio compostelán, segundo explicou.

Por outra banda, destacou "a importancia" desta regulación para "preservar a identidade da cidade" e "protexer o interese público". "Estámonos desdebuxando como cidade universitaria e como capital de Galicia", sentenciou Rosón.

Mercedes Rosón e Yara Prieto.. CONCELLO DE SANTIAGO
Mercedes Rosón e Yara Prieto.. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

SITUACIÓN DE PREALERTA POR SECA

Noutra orde de cousas, a concelleira de Medio Ambiente de Compostela, Mila Castro, presentou este martes o Plan municipal contra a seca ante a situación de prealerta na conca do río Tambre, punto de abastecemento de auga en Santiago. O Plan de emerxencia, presentado en Augas de Galicia en decembro de 2021, establece unhas medidas a tomar en función da situación que estea decretada na conca dos ríos pola Administración autonómica, que actualmente na do río Tambre é de prealerta.

As medidas contempladas pola proposta municipal ante este escenario van desde o seguimento continuo de indicadores de niveis, meteoroloxía e caudais, ata a redución dos baldeos e regas. Así mesmo, tamén se inclúe a creación dunha campaña de sensibilización en redes sociais con consellos sobre como realizar un "uso responsable" da auga no fogar. "Estamos preocupados pola ausencia de choiva nas previsións meteorolóxicas, debemos contribuír entre todos para que o consumo sexa menor", aseverou Castro.

Igualmente, a edil de Medio Ambiente sinalou que estas medidas "xa foron adoptadas" polo concello compostelán e Viaqua desde o 1 de agosto, co obxectivo de "manter a reserva de auga" nas "mellores condicións". De feito, segundo apuntou a xerente de Viaqua, Ana Tejeiro, o consumo municipal de auga pasou dun 5% a un 2% desde a aplicación destas medidas a nivel local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta