Por Fernando de Arana | Santiago | 15/09/2014 | Actualizada ás 17:24
Durante a fin de semana Compostela convertiuse na capital da modernidade e dos sons máis alternativos nun evento que demostrou que tradición e vangarda poden convivir en paz e mesmo ir da man de moitos xeitos diferentes.
Tres días ateigados de sensacións e emocións, de descubrementos de espazos, tendencias e, por suposto, dun non parar... músicas inquedas para xentes inquedas.
Inesquecibles quedarán momentos como os vividos en todos os concertos que se puideron ver na Igrexa da Universidade, que chegou a encherse coa francesa Colleen o sábado pola tarde ou os 45 minutos nos que James Blackshaw e as 12 cordas da súa guitarra fixeron que lle asomaran as bágoas a máis dun dos presentes o venres pola tarde.
E despois o orgullo co que se poden pasear as bandas galegas polo mundo adiante, en moitos casos con máis público que as foráneas. Tanto as consolidadas coma Unicornibot ou Guerrera -estas poden ser cabeza de cartel de calquera festival que se precie- coma as máis novas -Puma Pumku ou Chicharrón- ateigaron a Fundación Granell e poden dicir que non temos nada que envexar ao que se está facendo por aí adiante.
O excelente momento que está a vivir a música galega tivo o seu reflexo no WOS INC con Esquelas ou Ulobit na Igrexa da Universidade dando unha lección de vangarda sonora e visual de moi alto calado. Pero tamén Camarada Nimoy, Uppercut, Grampoder, o cheo que rexistrou o Teatro Principal para asistir a actuación da Orquesta Metamovida ou o show dos jay co poeta Carlos Oroza. Galicia está que arde, si.
E as propostas internacionais non defraudaron en absoluto. Tanto o que se puido ver na Capitol cuns Red Fang desatados que soaron poderosísimos conseguindo que os cornos dos máis metaleiros asomaran, os violentos e extremos A Place to Bury Strangers rematando literalmente soterrados entre o público ou a capacidade de hipnose e intensidade brutal co broche final dos escoceses Cosmic Dead onte domingo na Zona C. As bandas do Estado brilaron tamén a moita altura. Tanto GAF como a derradeira proposta, a de Celestial Bums, tamén o domingo, encandilaron ós presentes. Os Jupiter Lion achegáronse ao ceo na madrugada do sábado a domingo na Fundación Autor, demostrando nunha sóa hora a intensidade á que poden chegar co seu krautrock académico; mágoa da xente que os perdeu polos problemas para entrar, por exceso de aforo, na Sede dos Autores.
Moi boa asistencia e alto nivel tamén nos debates, coloquios e performances que se puideron ver no CGAC ou tamén na presentación da parte gastronómica do festival, a tapa do festival feita polos chefs do Abastos 2.0 coa música de fondo picada polo célebre Bigote Mix dende a improvisada cabina a carón da porta do mercado de abastos.
E todo isto sen aparentes problemas, baixo unha organización e coordinación modélica en oito, si, oito (!) espazos distintos, que cumpríu horarios puntual e escrupulosamente -informando das poucas demoras en todo momento e só tendo que cancelar un dos concertos por motivos alleos dun fallo na axenda dos Sonic Jesus-. Tampouco podemos pasar por alto o risco da aposta ao facer un festival así e no que pensamos que cumpriron expectativas de longo, o sábado o Teatro Principal ateigado e deixando a xente fóra no show de Miguel Noguera, a Capitol che até os topes durante tres horas de concertos e, xa de madrugada e a última hora, unha Fundación SGAE aberta de par en par como non se viu xamáis e que tamén tivo que deixar á xente na rúa debido ao exceso de aforo, e iso que tiñan habilitadas dúas salas e a terraza.
En fin, esperemos que o Concello de Santiago non entenda de cores políticas -o ano que ven hai eleccións- e axude a consolidar a estupenda e novedosa iniciativa de Work on Sunday, que no primeiro año no que se celebra, xa se convertíu en referencia polo seu éxito e calidade. Esperamos cos brazos abertos o WOS INC 2015.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.