A Coruña rebaixará un 30% o billete do bus urbano a partir de setembro

A medida entra en vigor o día 1 do mes que vén.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/08/2022 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña aplicará desde o 1 de setembro unha rebaixa do 30% en todas as tarifas do bus urbano que os usuarios e usuarias abonan co cartón Millennium, segundo informou o portavoz do goberno local, José Manuel Lage. A rebaixa aplicarase sen necesidade de solicitude previa e suporá para as persoas usuarias do bus urbano pasar de 0,75 euros a 0,52 euros por viaxe coa tarifa xeral e de 0,23 a 0,16 coa tarifa social.

O portavoz do goberno local indicou que se trata dunha decisión que responde a unha "demanda" que existe na cidade e que se adopta ao amparo das axudas estatais para "facilitar o transporte público". Ao fío diso, fixo un chamamento á Xunta para que adopte "iniciativas que se están adoptando noutras comunidades", apuntou en relación a axudas autonómicas. "Pedímoslle que non sexa un invitado de pedra, ten competencias e tamén pode facer un esforzo económico", apostilou.

Mentres, sobre a nova licitación do transporte urbano, ao acabar a concesión en 2024, apelou a promover un proceso "participativo" e "profesional" para estudar "ben" as pautas a seguir de cara a mellorar o sistema de transporte.

Preguntado sobre a planta de lixos de Nostián e as demandas sindicais para que se saque a licitación a xestión, admitiu que é unha cuestión que está "pendente". "Gustaríanos que antes de que termine o ano estivese preparada a licitación". Tamén aludiu ao traballo "previo" para , entre outras cuestións, abordar un estudo económico previamente á licitación.

O portavoz do goberno local da Coruña, José Manuel Lage, en rolda de prensa. CONCELLO DA CORUÑA
O portavoz do goberno local da Coruña, José Manuel Lage, en rolda de prensa. CONCELLO DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta