Feijóo: "Volvo onde todo comezou...E que ben se está na casa"

Os baróns do partido arroupan ao líder do PP, que agradece o "agarimo e a xenerosidade" de Galicia

Por Europa Press / Redacción | | 27/08/2022 | Actualizada ás 22:28

Comparte esta noticia

O presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, inaugurou este sábado o curso político do seu partido no tradicional encontro con cargos, afiliados e simpatizantes na Carballeira de San Xusto en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), e celebrou volver "onde todo comezou", "a casa".

Máis dun milleiro de persoas, segundo a organización do acto, reuníronse neste espazo para escoitar as intervencións dos responsables políticos de PP e PPdeG, que estiveron arroupados por líderes rexionais do partido, como Isabel Díaz Ayuso, Juanma Moreno Bonilla, Alfonso Fernández Mañueco ou Fernando López Miras, e polo expresidente do Goberno, Mariano Rajoy.Tamén estiveron no encontro o coordinador xeral do PP, Elías Bendodo; a secretaria xeral e portavoz do partido no Congreso, Cuca Gamarra; ou o vicesecretario de Organización, Miguel Tellado.

No seu discurso, Alberto Núñez Feijóo, que acudiu por primeira vez a este acto como líder nacional do PP, tras facelo como presidente do PPdeG e da Xunta nos últimos anos, mostrouse visiblemente emocionado por volver "a casa" a protagonizar un acto político.

Segundo sinalou, cando era neno escoitaba como as persoas emigradas, que vivía a "miles de quilómetros", volvían a Galicia e dicían que regresaban "a casa". "Agora enténdoo mellor. Eu tamén vin a casa... e que ben se está en casa", proclamou coa voz temblorosa.

Feijóo, quen agradeceu a Galicia "tanto agarimo e xenerosidade", advertiu de que, "pase o que pase", o acto de inicio de curso do PP o ano que vén volverá ser en Cerdedo-Cotobade (onde se celebra desde 2016, despois de que os 'populares' perdesen a Deputación de Pontevedra e a nova presidenta, a socialista Carmela Silva, vetase o uso do castelo de Soutomaior para este evento).

A "ESTABILIDADE" DE GALICIA "QUE FALTA EN ESPAÑA"

O presidente do PP asegurou que segue con atención a actualidade de Galicia e observa o seu "pulo", a acción do goberno de Rueda, "a estabilidade e a tranquilidade que falta en España".

"É unha honra e un orgullo volver ao lugar onde todo comezou, vervos ilusionados, preparados e xuntos, porque non creo que haxa moitos partidos en España que poidan dicir que están ilusionados, preparados e xuntos", recalcou.

Finalmente, chanceou con Alfonso Rueda sobre os seus días de estancia en Galicia porque "veranear onde o fai o presidente nacional do PP non é fácil". "A min tamén me pasaba, pero tes unha boa noticia: eu empezaba a descansar cando o presidente ía e non vas ter problema a próxima semana nin os próximos meses", afirmou.

Por outra banda, aludiu á "cara de tranquilidade e acougo" de Mariano Rajoy. "Compároa coa miña", apuntou e desvelou que, cando lle preguntou ao expresidente se volvería a Madrid con el, este confirmoulle que quedaba en Galicia: "Aínda hai clases".

CALOR, MÚSICA E 'SELFIES'

A calor foi un dos protagonistas este ano no acto político do PP na Carballeira, unha alta temperatura que sorprendeu mesmo ao presidente da Xunta de Andalucía, Juanma Moreno. Segundo recoñeceu, "non esperaba" que o termómetro alcanzase valores como este sábado en Cerdedo-Cotobade, onde roldou os 30 graos.

Pero non foi a única anécdota, e é que a presenza de tantos coñecidos líderes do partido doutras Comunidades Autónomas, non habitual neste encontro, provocou unha importante demanda de 'selfies' entre os asistentes, con Moreno Bonilla, Rajoy e Isabel Díaz Ayuso como as figuras máis reclamadas.

Entre os asistentes ao acto, que contou cun grupo de gaitas e pandeiretas para amenizar a espera, tamén estaban conselleiros, como Ángeles Vázquez, Fabiola García, María Jesús Lorenzana ou Julioo García Comesaña; así como o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; a exministra Ana Pastor; alcaldes, portavoces municipais e outros cargos do PPdeG e da Xunta.

O presidente do partido Popular (PP), Alberto Núñez Feijóo, intervén na inauguración do curso político do PP en Cerdedo-Cotobade
O presidente do partido Popular (PP), Alberto Núñez Feijóo, intervén na inauguración do curso político do PP en Cerdedo-Cotobade | Fonte: César Argina Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta