Por Europa Press / Redacción | LUGO | 10/05/2025 | Actualizada ás 15:59
Varios informes iniciais de distintos departamentos da Xunta apreciaron "impacto" do proxecto de Altri para Palas de Rei --en áreas como a de Patrimonio e turismo (co foco no Camiño de Santiago) e mesmo a actividade agraria, entre outras--, pero as aclaracións presentadas pola promotora e estudos complementarios matizaron os documentos finais previos á luz verde ambiental. Así o reflicte a documentación incluída no expediente completo do plan de Altri, que foi difundida este sábado pola plataforma veciñal Ulloa Viva na súa páxina web e á que accedeu Europa Press.
Nun comunicado, Ulloa Viva transmitiu que pon a disposición da cidadanía esta documentación relativa ao proxecto industrial Greenfiber SL "en nome da transparencia e do dereito á información", pero tamén coa convicción de que "só con acceso a datos reais se pode exercer unha participación efectiva e responsable". O contido de distintos informes sectoriais foise dando a coñecer por distintas vías e medios de comunicación nas últimas semanas despois da publicación da declaración de impacto ambiental (DIA) autonómica favorable o pasado mes de marzo. Unha análise conxunta dos mesmos reflicte, en todo caso, que, aínda que tras as respostas da pasteira lusa con máis datos ou co compromiso de medidas correctoras derivaron en informes sectoriais favorables que avalaron a DIA, hai estudos iniciais que inciden no seu impacto.
Con especial contundencia facíao, por exemplo, o de turismo que asinaba en abril de 2024 Luís Gestal Ernau, xefe da área de Obras e Mantementento, e que concluía que o "impacto pode ser suficientemente significativo para afectar de forma considerable aos distintos elementos de interese turístico". De forma máis detallada, analizaba o impacto de elementos como o Camiño de Santiago (Camiño Francés) e concluía que a magnitude do impacto sería "importante", do mesmo xeito que para o Castelo de Pambre; e "moderado" no caso do Castro de Remonde.
Con todo, o informe definitivo da área de turismo que substitúe ao previo (segundo fai constar a propia documentación), de febreiro de 2025, matiza a postura tras analizar nova documentación, incluída unha avaliación realizada por Jordi Tresserras, consultor internacional en Patrimonio Cultural e Desenvolvemento Sostible, ademais da resposta de Altri. Este informe final, no relativo ao Camiño de Santiago, establece que no proxecto hai dúas afectacións negativas moderadas, dúas leves e unha neutra sobre o valor universal excepcional, e dúas neutras sobre outros valores patrimoniais. Agrega que os de tipo visual poden ser mitigados coas medidas correctoras propostas, polo que se determina unha resolución favorable.
Dun impacto, aínda que "moderado", sobre a actividade agrícola e gandeira dos concellos afectados polo proxecto alertaba tamén nun informe de maio de 2024 o subdirector xeral de Explotacións Agrarias, Nicasio Mejuto, que analizaba cuestións como o cambio de uso de parcelas ou a demanda de "unha gran cantidade de madeira" de eucalipto. Xa en 2025, o mesmo subdirector xeral emite un novo informe no que, analizando nova documentación achegada polo promotor e outros departamentos, considera "probado" que non hai unha "incidencia apreciable ou que non condiciona a actividade agrogandeira da zona".
CAMBIOS POR INFORMACIÓN AGREGADA OU ESIXENCIAS DE MELLORA
A Xunta, pola súa banda, incidiu en que os cambios son lóxicos no marco dun procedemento deste tipo, tendo en conta que se parte de informes preliminares que logo son modificados por mor de novas achegas de información, estudos complementarios e novos compromisos de mellora ou medidas correctoras por parte dos promotores. Precisamente, Ulloa Viva denunciaba recentemente, coa lupa no informe de Augas, que houbo un "cambiazo" e Altri "reduciu artificiosamente e sen acreditación técnica" os límites de vertedura.
A Consellería de Medio Ambiente replicaba que, durante a tramitación ambiental de calquera iniciativa, os departamentos poden facer requirimentos de información ou de mellora do proxecto ao promotor que ás veces "son determinantes para que o informe definitivo sexa favorable". "É o que ocorre neste caso", aseguraban e incidían en que durante a elaboración do informe de Augas fíxose unha análise "máis exhaustiva" das fibras de madeira que hai na zona e que tivo en conta as cantidades de nitróxeno e fósforo existentes. Por iso, "acoutaron con maior precisión" os parámetros da vertedura.
CAMPAÑA DE FINANCIAMENTO
Ademais de notificar que fixo pública para toda a cidadanía a documentación completa do expediente, Ulloa Viva informou de que a súa campaña de financiamento colectivo, lanzada a través da plataforma Goteo, "superou os 60.000 euros en só 20 días". Interpreta Ulloa Viva que esta resposta popular evidencia que "a defensa do territorio, da auga e do patrimonio non só é necesaria, senón que é profundamente compartida pola sociedade galega e máis aló".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.