Adrián Gallero, Ulloa Viva: "Temos claro dicir non a Altri mais hai outras cousas ás que queremos dicir si"

'O Ulla Si' é un documentario realizado para reivindicar o río Ulla tal e como está agora fronte a instalación de Altri en Palas de Rei. O proxecto reúne fragmentos dos autores e de persoas que fixeron as súas achegas. O membro da plataforma 'Ulloa Viva' explica como se foi montando esta mostra audiovisual contra a instalación da celulosa e a favor das persoas e da preservación dos espazos rurais e o seu xeito de vida.

Por Moncho Mariño | A Ulloa | 10/05/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Como nace e se organiza a creación de 'O Ulla Si'?

Adrián Gallero
Adrián Gallero

A idea nace falando coa 'Fundación Entre Tantos' que traballa temas de participación, mundo rural, territorio e montes comunais. Esta fundación organiza un encontro nun lugar diferente do Estado para abordar un tema concreto. O ano pasado propuxémoslles desde a Plataforma Ulloa Viva e o Colectivo Agrocuir que viñesen á Ulloa para abordar o conflito de Altri. Aceptaron e a partir de aí abordamos como se ía abordar este asunto que finalmente foi a través do cinema. Pensamos nun proxecto audiovisual e que fose participativo. Así foi como naceu este proxecto que tivo como elemento fundamental o proceso participativo co que se levou adiante. En total, creo que foron máis de cen participantes das tres comarcas máis afectadas. Había tamén unha idea moi importante de fondo que era traballar en paralelo ao 'Altri Non' pois temos claro dicir non a Altri mais hai outras cousas ás que queremos dicir si. Ese foi o punto de partida para recoller a través de voces e imaxes todas esas cousas ás que queremos dicir si e que están ameazadas por este proxecto. Ao final é poñer o corpo diante e detrás da cámara pois somos moitas persoas que vivimos aquí preservando o territorio implicadas no sector primario e noutros aspectos que levan décadas protexendo o territorio. Iso é o que pretende facer o filme ademais de ser un relato onde se implican persoas, mais non deixa de ser un alegato para dar voz á defensa do territorio. Isto serve para explicar como se vive nun lugar tan fermoso dentro dun contexto tan complexo.

-Cres que antes da aparición do proxecto Altri, o resto de Galicia era consciente da importancia e do peso natural que ten a Ulloa e as demais comarcas afectadas?
Dentro da Ulloa hai varias iniciativas mais no tema ecolóxico e ambiental igual non tanto. Creo que moitas persoas de aquí estamos caendo na conta disto precisamente, o proxecto de Altri está tendo un impacto moi forte para darnos conta da importancia de protexer o territorio, ese está sendo un dos grandes aportes deste proceso. Hai persoas que nunca pensaran en irse de aquí e agora está pensando en facelo. En paralelo a iso están nacendo esas forzas de defender o territorio ao caer na conta do valor que ten este espazo.

Isto serve para explicar como se vive nun lugar tan fermoso dentro dun contexto tan complexo

-Que sucede na Ulloa para que primeiro se quixese levantar un encoro, agora o proxecto de Altri e a repoboación co eucalipto nitens? Por que é tan atractivo para este tipo de iniciativas?
O elemento fundamental é a auga visto o tipo de iniciativas que se queren instalar: encoros, celulosa ou eucalipto. Todo iso necesita dunha grande cantidade de auga e posiblemente a situación xeográfica no centro de Galicia. Sobre os encoros, non lembro os anteriores proxectos, mais nos informes de Altri vén por escrito que a demarcación do Ulla é competencia da Xunta. Co goberno autonómico actual parece que é doado ter case todo tipo de permisos. Mais tamén lendo entre liñas, debía existir a impresión de que aquí non habería resistencia dado que é unha área con pouca vida e pouca xente aínda que vemos todo o contrario.

Presentación en Numax de 'O Ulla Si'
Presentación en Numax de 'O Ulla Si'

-Para as persoas que aparecen no documentario houbo algún criterio de selección ou foise buscando entre a veciñanza?
Houbo dúas fases, unha pedindo a participación con vídeos caseiros ou profesionais enviados por redes sociais, enderezos electrónicos e respondendo á pregunta: “a que queres dicir ti 'si'?”. Buscabamos desde imaxes dunha festa popular, a túa familia na cociña e outros temas, esa era a idea da convocatoria. Logo, un grupo de quince ou vinte persoas visualizamos os vídeos durante unha fin de semana e fixemos unha visión de que voces saen, que temas saen e cales non saen e que voces faltan. Esa mesma fin de semana collemos un equipo de gravación e fomos percorrer as tres comarcas para buscar aqueles elementos e persoas que considerabamos que non estaban e iso fíxose mediante “a quen coñece cada un”. Gravamos recursos, entrevistas e conversas e con todo iso e o das redes compúxose o resultado final.

Hai persoas que nunca pensaran en irse de aquí e agora está pensando en facelo

-Diante de acontecementos como que o proxecto Altri non leve cartos para a descarbonización, sodes optimistas?
Hai de todo, debo dicir, mais eu si son optimista e creo que a sensación xeral é de optimismo, de non saber moi ben como parar isto mais sexa como sexa isto vaise parar. Agora está a cuestión xudicial, unha vez que a Xunta resolva a Avaliación de Impacto Ambiental, posiblemente antes do verán, pois aí ábrese a vía para o proceso xudicial que é a vía onde se está traballando principalmente, para iso estanse recadando fondos nunha campaña de crowfounding e aí é onde temos a esperanza. Aínda así, séguese facendo traballo de incidencia política, reunións, asistencias a encontros, hai unha denuncia na UE polo de agora bloqueada, mais seguimos traballando todas as liñas.

-A estrea de 'O Ulla Si' foi o domingo día 4 de maio, mais logo de presentala noutros lugares, tedes intención de subila á rede?
Agora estamos no proceso de presentación e tamén intentaremos que se mova por festivais mais, posiblemente, no verán xa estea dispoñible en Internet e acceso libre. Mais xa se proxectou na Ulloa, en Madrid onde se proxectará outra vez o 3 de xuño e buscamos a proxección noutros lugares.

-Segue manténdose a mobilización nos mesmos niveis que desde o principio?
Desde logo creo que esta mobilización social é moi importante. Hai unha imaxe moi divertida dentro do documentario onde sae unha señora dicindo: “se vén tanta xente como no concerto de Manolo Escobar nos 80, eu xa me daba por contenta”. O caso é que veu moitísima máis e a que non deu chegado porque quedou atrancada nas estrada, todo iso reflicte o nivel de mobilización e rexeitamento nesta comarca e noutros lugares diferentes. Hai moita xente que se mobiliza por diferentes motivos debido ao flagrante que é o proxecto de Altri que move persoas de diferentes posturas para posicionarse en contra.

Hai unha denuncia na UE polo de agora bloqueada, mais seguimos traballando todas as liñas

-Estás implicado tamén no Agrocuir, cales foron os motivos de crear este movemento e cal foi a recepción nas primeiras datas?
Foi o desexo de celebrar na Ulloa a diversidade. En vez de ir a grandes cidades celebrar o Día do Orgullo decidimos celebrar as nosas identidades e a diversidade nos lugares onde viviamos. Comezamos oito persoas e dez anos despois somos trinta persoas no colectivo. A recepción foi moi pisitiva e iso significa que moita xente, antes de existir Agrocuir, fixo moito camiño vivindo a súa sexualidade, a súa identidade no territorio con referentes como Braulio ou como Marta, que forman parte do colectivo e outras moitas persoas que non están no colectivo mais tamén son persoas LGBTIQ+ e iso fixo que se comprendese moi ben o que queriamos facer, a nosa proposta e que se acollese moi ben en dez espazos distintos na vila de Monterroso.

-Que busca o Agrocuir máis alá de datas festivas e dinamización do rural?
Este é un festival que si vai máis alá de ser un lugar de celebración da diversidade sexual e de xénero. En certo sentido é como se cumprise as romarías das aldeas, que son lugares de encontro. Entón, o Agrocuir non é só para as persoas LGTBIQ+ senón para toda a comunidade porque busca construír comunidades diversas pois pensamos que estas teñen capacidade de sosterse no tempo. Iso, despois de dez ano de Agrocuir, este festival axudou a despolarizar o noso espazo nun contexto global, a pesar de que hai iniciativas por parte de autoridades en polarizar. Queremos contribuír á convivencia entre todas as diferenzas.

Agora estamos no proceso de presentación e tamén intentaremos que se mova por festivais

-A partir desta iniciativa cres que se está vivindo unha maior aceptación do movemento queer no rural galego?
Agrocuir foi e segue sendo referencia e aínda se dan as condicións para mostrar esta como unha das primeiras iniciativas para visibilizar e reivindicar a diversidade sexual e de xénero nos espazos rurais. Durante estes anos é impresionante a cantidade de iniciativas semellantes que aparecen no territorio galego como estatal. Durante este último ano falamos de crear unha “rede de orgullos rurais” e xa hai un grupo con iniciativas de varios lugares de todo o Estado. Agrocuir creo que si contribuiu a aceptar o movemento queer no rural galego. Sempre dixen que o rural galego é moi permisivo con todas as tendencias e todas as realidades, nin nos opoñemos excesivamente nin adoptamos excesivamente as cousas, máis ben deixamos facer e isto é algo positivo, habitar nos grises e os intermedios e confiar en que o que está ao pé pode aportar algo de moito valor.

Cartel do filme 'Ou Ulla se'. FUNDACIÓN ENTRETANTOS
Cartel do filme 'Ou Ulla se'. FUNDACIÓN ENTRETANTOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta