Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2022 | Actualizada ás 20:41
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, comprometeuse a realizar "un seguimento exhaustivo" das denuncias presentadas, este mércores, por Adega na Comisión Europea contra o incumprimento da normativa europea por parte dos grandes proxectos eólicos en Galicia.
"É unha gravidade o espolio eólico que se está producindo en Galicia por parte do goberno galego e estatal, que permiten a vulneración das directivas comunitarias" resaltou Miranda. Desta forma, sinalou a necesidade de ter en conta os intereses das persoas afectadas.
Nun comunicado, o BNG remarcou, que Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, na reunión da mañá deste mércores con Miranda e unha delegación de Adega, comprometeuse " a estudar" as denuncias ante a "posible incorrecta" transposición das lexislacións da UE e as infraccións de carácter estrutural.
Miranda sinalou que "a normativa europea é obrigatorio cumprila tanto para Galicia como para Estado e desde o Parlamento Europeo e a Comisión de Peticións farase un seguimento da análise que faga a Comisión". Desta forma, a portavoz de Adega, Belén Rodríguez destacou que a súa visita a Bruxelas é con "esperanza a que a CE poña freo á invasión eólica".
Así mesmo, cualificou este feito como unha "invasión ambiental" xa que afecta a espazos que están propostos para incluír na Rede Natura. Así, Rodríguez lembrou que "hai sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de que se está incumprindo as normativas relativas á participación publica e información".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.