Os servizo postos en marcha pola Xunta para facer fronte ao Brexit reciben os aplausos do Comité Europeo das Rexións

O grupo presentou o estudo baixo o nome 'Novas relacións comerciais e económicas entre a UE e o Reino Unido: o impacto nas rexións e as cidades', no que trata de explicarse o impacto do Brexit nas rexións europeas e os efectos.

Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 06/09/2022 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

O director xeral de Relacións Exteriores e Coa UE, Jesús Gamallo, participou este martes en Bruxelas na sétima reunión do Grupo de Contacto CDR-Reino Unido, posto en marcha en 2020 entre o Comité Europeo das Rexións (CdR) e as rexións e municipios británicos. Entre os seus obxectivos, este grupo trata de afianzar a cooperación a nivel subnacional entre a Unión Europa e Reino Unido para compensar os contactos perdidos polo Brexit.

Durante a reunión, presentouse o estudo encargado polo Comité Europeo das Rexións baixo o nome 'Novas relacións comerciais e económicas entre a UE e o Reino Unido: o impacto nas rexións e as cidades', no que trata de explicarse o impacto do Brexit nas rexións europeas e os efectos do Acordo de Cooperación Comercial (TCA) UE-Reino Unido que entrou en vigor en 2021.

O estudo utiliza varios índices estatísticos para trazar un mapa coa exposición rexional para os efectos do Brexit baseándose nos principais sectores de especialización da economía europea: automoción, maquinaria eléctrica, produtos da madeira e mobiliario, e produtos agroalimentarios. Galicia mostra unha exposición máis acentuada neste último sector e, a nivel europeo, é unha das rexións cunha exposición medio-alta.

O estudo dá conta dos servizos postos en marcha pola Xunta para acompañar ás empresas neste cambio de paradigma: o Servizo Igape Responde Brexit, que atende consultas específicas e inclúe unha ferramenta de autodiagnóstico personalizada para anticiparse e adoptar as medidas necesarias; a oficina Brexit en Londres para servizos de asesoramento directo no Reino Unido; servizos de información e formación, e o Cheque Brexit, que prevé unha axuda financeira para realizar un diagnóstico empresarial e a preparación de plans de continxencia.

SINERXÍAS UE-REINO UNIDO

O grupo aprobou tamén o apoio do CDR e dos entes locais e rexionais ao traballo da Asemblea Parlamentaria de Asociación EU-Reino Unido (PPA), un foro composto por membros do Parlamento Europeo e do Parlamento Británico para intercambiar puntos de vista sobre a aplicación do acordo do Brexit e que pode propor recomendacións a ambos os parlamentos.

Ademais, na sesión celebrouse un debate sobre a busca de sinerxías entre a UE e o Reino Unido a escala rexional e local para apoiar a transición enerxética, dados os complexos momentos que vive a UE en relación coa subministración enerxética e a alza de prezos. Así mesmo, abordouse a situación actual do Protocolo de Irlanda do Norte e debateuse sobre a súa aplicación.

Ao finalizar o encontro, Jesús Gamallo sinalou que Galicia "está a disposición de calquera rexión europea ou do Reino Unido para cooperar en materia de abastecemento enerxético". Ademais, explicou como "Galicia está a traballar na súa Axenda Enerxética 2030, unha folla de ruta que prevé un investimento público de máis de 630 millóns de aquí a 2024 para contar con máis fontes renovables e promover a eficiencia enerxética e o autoconsumo de face a conseguir o ambicioso obxectivo da neutralidade climática en 2050".

Jesús Gamallo, en Bruxelas.. XUNTA
Jesús Gamallo, en Bruxelas.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta