Así sofre a inflación o pequeno comercio: "Vemos o futuro con preocupación e incerteza"

As tendas de barrio témenlle aos próximos meses e apelan a cidadanía a mercar na rede de comercios de proximidade, que se esforza por subir ao carro das vendas online para sobrevivir.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A escalada da inflación, que alcanzou xa o 11% en Galicia cunha taxa nunca vista dende hai máis de trinta anos, está "trastocando por completo" o camiño previsto polo pequeno comercio ante a saída dunha pandemia que xa deixara o sector ferido. A situación para os preto de 32.000 negocios que conforman este sector tradicional en Galicia é difícil nun contexto no que a perda de poder adquisitivo da clientela se suma ás outras grandes batallas que leva tempo procurando librar: a presenza das grandes superficies e o auxe das vendas por Internet. 

Varias persoas pasean nunha rúa comercial en Vigo, a 17 de febreiro de 2021
Varias persoas pasean nunha rúa comercial en Vigo, a 17 de febreiro de 2021 | Fonte: Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press.

"Estamos atravesando unha época complicada; cando parecía que nos iamos recuperar da pandemia, xorde o principio de guerra ucraína e o aumento sostido dos prezos, que trastocou o plan que tiñamos programado", explica a Galicia Confidencial José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, que lamenta volver a unha situación de dificultades "tras un pequeno intre de bonanza" previo á inflación no que os negocios familiares puideran recuperar algo de aire.

Con todo, o comercio local séntese agora dobremente golpeado. O encarecemento da enerxía, dos alugueres, do transporte e da meirande parte dos produtos "reduce moito as marxes de beneficio" para os negocios, sinala Seijas. "Os prezos estanse contendo todo o que se pode, pero hai que ter en conta que os produtos xa nolos serven con eses incrementos". Do outro lado do mostrador, a clientela está perdendo poder adquisitivo:. "Nótase un baixón nas vendas, as familias teñen que restrinxir moito as compras para poder chegar a fin de mes, e o que compra, cómprao moito máis barato", destaca o presidente da Federación.

A "estocada final", di, vén da man da proposta da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para unha cesta da compra a prezo conxelado, que xerou malestar entre parte do pequeno comercio ao considerar que a medida incentivará a compra en grandes almacéns en detrimento do negocio local. "É unha publicidade gratuíta dende o ministerio para que a poboación vaia mercar a grandes superficies; sabemos que hai que procurar solucións e asegurar os produtos máis básicos para as familias, non podemos volver pagar nós os pratos rotos", expoñen dende a Federación Galega de Comercio. 

CRONIFÍCASE A INCERTEZA

Neste contexto, dende a Federación auguran uns próximos meses que "non van ser fáciles" pola "desconfianza" que a inflación pode xerar entre a poboación. Moitos pequenos negocios quedan polo camiño ao verse avocados ao peche. Galicia perdeu un total de 5.323 persoas autónomas no sector do comercio nos últimos dez anos, e delas, 778 tan só no que vai de 2022. "Os alugueres non están baratos e moitos dos negocios tamén se ven obrigados a recortar nos cadros de persoal", explica Pablo Lavandeira, da Federación Unión Comercial Coruñesa. 

A sensación é semellante no Centro Comercial Aberto do Carballiño. "Fixemos un gran esforzo por saír adiante na pandemia, e agora volvemos vivir o futuro con moita preocupación e incerteza", sinala a súa xerente, Noelia Mares. Na campaña de primavera-verán, especifica, "moveuse ben o produto" nuns meses nos que a poboación da localidade ourensá se duplica por efecto do turismo, aínda que a suba da luz e do combustible impediu que superase a do 2021: "A xente freouse á hora de consumir, quen gastaba 100, agora gasta 50, sobre todo en produtos básicos", sinala Mares.

AS OUTRAS FRONTES: GRANDES SUPERFICIES E VENDA ONLINE

A suba dos prezos de subministros coma a luz e o elevado custo das materias primas non son as únicas preocupacións do pequeno comercio. As grandes superficies e o auxe da venda online minaron nos últimos anos o sector. "Estes rivais veñen pisando forte, e a nivel de publicidade, os negocios familiares teñen complicado competir", sinala Lavandeira, que identifica o principal problema do comercio coa dificultade que atopa para "xerar nova clientela". "A xente céntrase máis en pedir por Internet e buscar os prezos máis asequibles, mentres que vemos que o pequeno comercio non sempre ten os recursos para montar unha páxina web e facer envíos a domicilio", prosegue. 

Porén, cada vez son máis os negocios que se adaptan ás novas tecnoloxías e que procuran o seu espazo nas redes sociais. "Unha gran parte do comercio do Carballiño optou por dixitalizarse dende hai un par de anos", explica Mares. Cómpre, di, abrir novos campos de venda e xerar outro tipo de sinerxias. De feito, dende a Federación Galega de Consumo crearon unha plataforma dixital co obxectivo de facilitar o acceso da poboación ao pequeno comercio. "Temos que subirnos ao carro, e vemos que a plataforma funciona ben. O comerciante, sen abandonar a parte física do seu traballo, debe anotarse á venda online e ás redes sociais porque é o que nos reclama a clientela; é necesario para subsistir", asegura Seijas. 

VALORAR O PEQUENO COMERCIO

O sector do comercio de proximidade apela tamén aos seus valores como dinamizadores da vida diaria das vilas e dos barrios das cidades. "Aínda que nos apoiemos na venda online, a esencia do pequeno comercio é a cercanía, a axuda que podemos darnos os uns aos outros", sinala Mares. Por iso, pide neste sentido unha maior concienciación da poboación de que "sen comercio, non hai vida na vila": "que a xente siga mercando nos seus barrios, sexa o que sexa", anima.

Tamén dende a organización coruñesa apelan á importancia destes negocios no día a día. "Hai moita xente que vive disto, e é unha pena deixar ir negocios históricos que, ademais, se abastecen con produtos da nosa terra", engade Lavandeira. Co obxectivo de dinamizar o consumo, esta federación pon en marcha diferentes iniciativas, algunhas delas co apoio da Xunta de Galicia ou co Concello da Coruña, que procuran atraer xente aos negocios, "visibilizar todo o que poden ofertar" e "demostrar que hai comercio máis alá do gran establecemento".

 AXUDAS

A Federación Galega de Consumo demanda "axudas para saír adiante" e saúda a nova convocatoria de Bonos de Comercio por parte da Xunta de Galicia. "Precisamos incrementar as vendas e regular os nosos gastos fixos", indica. Neste sentido, Seijas tamén esixe unha duración "fixa e controlada" das rebaixas: "Agora parece que comezan o 1 de xaneiro e rematan o 31 de decembro, en calquera momento hai descontos e polo tanto perderon o efecto chamada que tiñan antes", explica. Peticións, en definitiva, para non deixar morrer aquelas tendas que forman parte da historia vital das rúas de vilas e cidades galegas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta