A Xunta rexeita a equiparación de explotacións gandeiras e grandes industrias na nova directiva europea de emisións

A Consellería de Medio Rural pide ao Goberno que "lidere a defensa da gandaría e da agricultura tradicionais"

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/09/2022 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

O conselleiro do Medio Rural da Xunta, José González, participou este luns por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, onde rexeitou a pretensión da Comisión Europea de equiparar, nunha nova directiva de emisións, as explotacións de vacún de máis de 150 unidades de gando maior (UGM) coas grandes industrias do sector.

O conselleiro de Medio Rural, José González
O conselleiro de Medio Rural, José González | Fonte: Europa Press.

O Goberno galego súmase así á postura --na liña tamén do Ministero de Agricultura, Pesca e Alimentación-- doutros estados membros da Unión Europea, como Francia, porque "non procede introducir máis restricións á gandaría" a través da modificación da directiva de emisións, unha norma que inicialmente estaba concibida para "sectores como o enerxético, o químico ou o metalúrxico".

González rexeita revisar este texto para aplicalo tamén a explotacións de menor dimensión e ás de vacún, tendo en conta tamén a crise derivada da invasión rusa de Ucraína.

"Non se pode tratar do mesmo xeito a gandaría en intensivo e en extensivo, pero tampouco a intensiva con base territorial, que só en Galicia atende unhas 200.000 hectáreas de superficie", explicou o conselleiro do Medio Rural, quen avoga por "sustentabilidade na súa tripla vertente" social, económica e ambiental.

Ademais, dirixiuse ao Ministerio, durante a súa participación por videoconferencia no Consello Asesor, para pedirlle que "lidere a defensa da gandaría e da agricultura tradicionais".

González aposta por conseguir unha autosuficiencia alimentaria, á vez que insistiu en rexeitar "todos estes requirimentos" que se impoñen á gandaría "e que o único que fan é beneficiar os gandeiros de fóra da Unión Europea, que van ter moitas máis posibilidades de comercializar os seus produtos en territorio comunitario". Non en balde, aseverou que a sustentabilidade do sector en Galicia está "demostrada".

Non en balde, o titular de Medio Rural da Xunta criticou a falta de apoio do Goberno central ao proxecto de economía circular para o tratamento dos excedentes de material orgánico e a súa conversión en biogás para gañar en autonomía enerxética.

Do mesmo xeito, o conselleiro trasladou que a Xunta complementou cun anticipo as axudas directas do Estado ao vacún de carne, que se pagarán na segunda quincena de setembro. E é que o Goberno galego entende que o sector cárnico en xeral e o bovino en particular non foi tratado "de maneira idónea" na repartición que realizou o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta