Xunta e sector acordan pedir ao Goberno que recorra o regulamento do veto á pesca de fondo

Esta medida afectaría, por exemplo, un 60 por cento da pescada en Galicia ou o 50 por cento desta especie en España.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2022 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Mar, Rosa Quintana, mantiveron este martes un encontro co sector pesqueiro afectado polo veto á pesca de fondo nun centenar de áreas de augas comunitarias e, tras analizar a situación xunto a xuristas, acordaron pedir que o Goberno central recorra o regulamento publicado xa no Diario Oficial da Unión Europea.

O Executivo autonómico anunciou en días pasados que estudaría todas as posibilidades legais para facer fronte a este regulamento que, en palabras do sector, afectaría, por exemplo, un 60 por cento da pescada en Galicia ou o 50 por cento desta especie en España. Tras reunirse co sector e persoas expertas na materia, como explicou o mandatario galego, por unha cuestión de lexitimidade xurídica --e de prosperidade do asunto-- decidiuse impulsar que sexa o Executivo central o que recorra o regulamento, ante o que a Xunta será "coadxuvante" e se poñerá ao lado do Goberno.

Neste sentido, lembraron que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez xa votou en contra deste veto e que estarían nesta mesma liña Irlanda e Francia, como explicou Rosa Quintana, quen sinalou a importancia de que se manteña este "non" e que a Comisión Europea revise os informes socioeconómicos, que a conselleira de Mar "dubida" de que os teñan. Neste sentido, agradeceu que o ministro do ramo, Luís Planas, pedise incluír este asunto na reunión de ministros europeos.

Adicionalmente, Alfonso Rueda explicou que esta mesma tarde se dirixirá ao presidente do Goberno para mostrar este espírito de colaboración e a necesidade de presentar este recurso, respecto do que sostivo que, tras tamén consultar con xuristas, ten máis posibilidades de prosperar se é o Goberno central o que o presenta. Ademais, isto facilitaría, dixo, a suspensión cautelar dun regulamento cuxa vixencia arrinca en dez días, con outubro.

"A Xunta fará todo o que está na súa man", manifestou o presidente autonómico, quen lembrou que tamén están afectadas outras comunidades do Estado, por exemplo Andalucía. O sector advertiu de que este veto obriga a desprazarse a outros caladoiros e que pode afectar uns 500 barcos só en Galicia. "Daremos a batalla", indicou o xerente do Porto de Celeiro, Jesús Lourido.

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, preside unha reunión con representantes do sector da pesca de fondo e xuristas especializados. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, preside unha reunión con representantes do sector da pesca de fondo e xuristas especializados. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta