EGA pide axilizar a tramitación de parques eólicos: "está en xogo o futuro enerxético no outono"

Isto, asegura, podería supor a perda de 2.500 millóns de euros de investimento e centos de empregos, asociados a 2.300 MW de potencia eólica en fase de tramitación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2022 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

A Asociación Eólica de Galicia (EGA) advertiu de que este outono "está en xogo" o futuro enerxético xa que, ademais da invasión de Ucraína e a inflación, hai que engadir a caducidade dos puntos de conexión á rede eléctrica, previstos para un centenar de proxectos de construción de novos parques.

Isto, aseguran, podería supor a perda de 2.500 millóns de euros de investimento e centos de empregos, asociados a 2.300 MW de potencia eólica en fase de tramitación.

"Pedímoslle ao Ministerio, por unha banda, que amplíe a prórroga de acceso á rede ou cambie os parámetros de anulación, e á Xunta, que axilice ao máximo a tramitación dos expedientes administrativos pendentes. Porque, ante a perda dos citados puntos de conexión, atoparémonos ante unha situación de alta litixiosidade e potenciais responsabilidades patrimoniais que a ninguén lle gustará. Pero, ante todo, está o interese xeral e público de non tirar pola borda millóns de euros, miles de MW de enerxía limpa e propia, centos de postos de traballo e moitos recursos públicos utilizados durante anos", argumenta a asociación.

Por outra banda, lembran que o Parlamento europeo acaba de ampliar do 40 ao 45% a porcentaxe mínima de renovables que debe haber en 2030 no mix enerxético. Tamén acordou aforrar o 40% do consumo final de enerxía; e que os edificios obteñan a metade do seu consumo de fontes renovables.

"A revisión e acordo de novos obxectivos na UE, derivados da elevada dependencia enerxética e insoportables prezos, obrígannos a un desenvolvemento renovable inmediato, onde Galicia ten moito que dicir: ou perder ou gañar. Está en xogo a nosa independencia como país", insistiu EGA.

Eólicos de Paradela. CEDIDA - Arquivo
Eólicos de Paradela. CEDIDA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta