Absolta unha muller acusada de estafar unha comunidade de montes de Boiro

Tamén se librou dos delitos de falsidade e apropiación indebida que lle imputaban.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/09/2022 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, absolveu unha muller acusada de estafar a comunidade de montes mancomunados de Montaña, Montaño, Piñeiro e Escobias, no concello de Boiro. O tribunal tamén a absolveu dos delitos de falsidade e apropiación indebida que lle imputaban.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os maxistrados indican na sentenza que non hai probas de que a investigada retirase diñeiro da conta da comunidade de montes co obxectivo de lucrarse del.

Así, subliñan que a disposición do diñeiro da conta corrente requiría a firma do presidente e do tesoureiro e recalcan que "non existe constancia de que a acusada dispuxese de diñeiro da comunidade sen o consentimento nin a autorización do seu presidente e para o seu beneficio persoal durante o período investigado", é dicir, entre 2005 e 2014.

O tribunal destaca na resolución que "non se practicou unha proba pericial caligráfica que aclare a autoría das firmas" e, doutra banda, indica que "a ausencia dunha contabilidade minimamente rigorosa por parte da comunidade de montes e a forma de pagar a maioría dos traballos e servizos en efectivo" impide "coñecer os traballos realizados e o seu importe".

Por iso, afirma que lle resulta "imposible" determinar se a acusada durante o período investigado dispuxo dalgunha cantidade de diñeiro "para o seu beneficio persoal, á marxe e sen autorización da comunidade". Contra o fallo, informa o TSXG, cabe presentar recurso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta