Temas: FACUA SERGAS

O Sergas habilita un teléfono sen tarificación especial para citas médicas tras unha reclamación de Facua

Faino tras unha reclamación presentada por Facua-Consumidores en Acción.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/09/2022 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) habilitou un teléfono de prefixo xeográfico sen tarificación especial para xestionar as citas médicas nos centros de saúde e solicitar asistencia sanitaria, tras unha reclamación presentada por Facua-Consumidores en Acción.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal.

Tal como indicou a asociación, o Sergas ofrecía ao usuario unicamente unha liña de "alto custo" con prefixo 902 orientada a anular as citas ou a cambialas de data. Ademais, na súa web só facilitaba un número tamén de tarificación especial para pedir cita médica nos centros de atención primaria, xestionar citas hospitalarias e solicitar atención sanitaria telefónica.

"A asociación enviou senllos escritos ao Sergas e ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia nos que pedía que se eliminasen os teléfonos de tarificación especial, xa que a propia normativa obriga as empresas que ofrecen servizos básicos de interese xeral a dispor de numeracións gratuítas e ao resto de empresas ou organismos a facilitar liñas móbiles ou fixas con prefixo xeográfico", lembrou Facua Galicia.

Por iso, o Sergas atendeu "parcialmente" a reclamación, xa que na súa web xa non aparece a liña 902 e habilitou un teléfono de tarificación básica para atención á cidadanía.

Con todo, a asociación indicou que na área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte aínda aparece un 902 como teléfono único de atención, por iso reiterou a súa petición.

Temas: FACUA SERGAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta