A Xunta defende rebaixar o imposto aos ricos porque "é o que convén nun contexto de inflacción"

Rueda di que Galicia continúa a súa "senda propia" e baixará o IRPF para rendas de ata 35.000 euros en 2022.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2022 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, proclamou este martes que Galicia continuará coa súa "senda propia" en política fiscal. Por iso, lembrou as bonificacións do imposto de transmisións patrimoniais; do imposto de sucesións, da que se benefician o "99,9% de galegos que herdan dun familiar directo"; e a ampliación da rebaixa do imposto de patrimonio ata o 50% anunciado a semana pasada.

Rueda na primeira sesión do debate de investidura /  Álvaro Ballesteros - Europa Press  / Europa Press
Rueda na primeira sesión do debate de investidura / Álvaro Ballesteros - Europa Press / Europa Press

Respecto diso desta última medida, que foi moi criticada pola oposición --BNG e PSdeG-- por beneficiar só "aos ricos", Alfonso Rueda alegou que "non é o alicerce fundamental" dos orzamentos da Xunta, cunha recadación estimada duns 34 millóns de euros. Con todo, recoñeceu que non quixo eliminar este tributo ao completo, como si fixeron outras comunidades, porque "non era o momento".

En definitiva, reivindicou as rebaixas fiscais porque "é o que convén facer nun contexto de inflación". Nesta conxuntura, cargou contra o Goberno central por non facer o mesmo e por "recadar 22.000 millóns de euros máis" como consecuencia da alza de prezos "mentres familias, autónomos e empresas teñen que facer palabares para chegar a fin de mes".

OUTRAS REBAIXAS

Tamén anunciou que o IRPF, ademais de baixar do 9,4 ao 9% no tramo autonómico como avanzou no seu discurso de investidura, sufrirá unha nova rebaixa en rendas de ata 35.000 euros para paliar a inflación con efectos desde o 1 de xaneiro de 2022.

Isto servirá, segundo estimou durante a súa comparecencia no Parlamento galego para avanzar as liñas mestras dos orzamentos de 2023, que cada galego aforrará unha media de 450 euros, o que se traduce nun total de 46 millóns de euros.

"A inflación non pode supor para os galegos pagar máis polo IRPF", aseverou Rueda, para avanzar que esta deflactación --do 4,1%-- terá efectos retroactivos, é dicir, afectará á declaración da renda realizada o próximo ano pero aplicarase desde o 1 de xaneiro de 2022.

Todo iso engádese a outras diminucións que xa estaban comprometidas para o IRPF: as familias con dous fillos menores de 25 anos equipararanse ás numerosas, que teñen ademais "outras bonificacións"; e o primeiro tramo deste tributo baixará do 9,4% ao 9%, como xa prometeu en maio durante o seu discurso de investidura.

"SENDA PROPIA"

Para Alfonso Rueda, quen leva pouco máis de cinco meses como presidente da Xunta tras o salto de Alberto Núñez Feijóo á política estatal, estas medidas supoñen que Galicia avanza na súa "senda propia" en materia fiscal iniciada xa en 2009.

Desde entón, as rebaixas fiscais permitiron "un aforro de 1.200 millóns de euros", segundo a cifra que deu Rueda ao principio do seu discurso e que arrincou o primeiro gran aplauso da súa comparecencia por parte do resto de membros da Xunta e da bancada do Grupo Popular.

PETICIÓNS AO GOBERNO CENTRAL

Máis aló dos detalles sobre as contas do próximo exercicio, Rueda reservou a parte final da súa intervención para afirmar que aposta por unha "cooperación leal" entre a Xunta e o Estado, ao que demandou medidas "urxentes" en sanidade, xestión de fondos europeos e en política pesqueira comunitaria, tras o veto ás artes de fondo en 87 áreas mariñas protexidas.

CRÍTICAS DO LÍDER DO PSdeG

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, considera que a deflactación do IRPF para as rendas inferiores a 35.000 euros anunciada este martes constitúe "unha lismona" en comparación coa rebaixa fiscal "aos millonarios" que supón o aumento da bonificación ao imposto de patrimonio.

En declaracións difundidas aos medios polo PSdeG, Formoso mostrou a súa "procupación" porque Rueda "siga facendo seguidismo da política fiscal que fan Feijóo e Ayuso", xa que supón "someter a Galicia a Madrid".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta