Siemens Gamesa recortará 475 empregos en España e os sindicatos descartan afectación en Galicia

Aplicará un recorte de 2.900 postos de traballo en todo o mundo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/09/2022 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

Siemens Gamesa recortará un total de 2.900 postos de traballo en todo o mundo, dos cales un total de 475 deles afectarán a España, no marco do seu programa estratéxico 'Mistral' para lograr un crecemento sustentable, informou a compañía.

A planta que a multinacional Siemens Gamesa ten nas Somozas (A Coruña) .
A planta que a multinacional Siemens Gamesa ten nas Somozas (A Coruña) .

En Galicia, a compañía conta cuns 235, repartidos entre os 60 do centro de mantemento de Santiago, ao redor de 100 por todo o territorio tamén para mantemento e sobre 74 nunha fábrica de reparacións en Sigüeiro (Oroso).

O secretario de Cambio de Modelo Produtivo de CC.OO. de Galicia (e delegado en Siemens-Gamesa), Francisco Méndez, descarta que haxa afectación en Galicia, ao entender que os 475 empregos sairán dos temporais e das oficinas corporativas.

Contempla, iso si, algún "cambio de cromos", aínda que resalta que esta medida terá que ir a unha mesa de emprego e os sindicatos buscarán que non haxa ningunha saída "traumática".

Desta maneira, o recorte en España afectará a algo máis do 9% do persoal total que o grupo xurdido da fusión de Gamesa coa división eólica de Siemens ten no Estado, que ascende a un total de 5.097, segundo datos da empresa.

Pola súa banda, os 2.900 postos de traballo que se verán afectados a nivel global son algo máis do 10% do persoal de máis de 27.380 empregados con que conta Siemens Gamesa no mundo.

Este plan de axustes afectará principalmente a Europa, onde, ademais de en España, haberá recortes de persoal en Dinamarca (800), Alemaña (300), España (475) e Reino Unido (50).

Tamén se producirán axustes noutras áreas xeográficas; indicou a compañía, engadindo que os detalles dos países afectados definiranse nas negociacións cos comités de empresa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta