O envellecemento da poboación disparou a demanda de poderes preventivos en Galicia

Case se triplicou nos últimos cinco anos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/09/2022 | Actualizada ás 10:26

Comparte esta noticia

O ano pasado, 304 persoas outorgaron en Galicia un poder en previsión dunha futura situación na que non puideran decidir por si mesmas. A demanda pola cidadanía deste tipo de poderes case se triplicou nos últimos cinco anos, de 2017 a 2021, cun crecemento do 175%, fronte ao 77% rexistrado no conxunto do Estado.

Anciáns cruzando a rúa
Anciáns cruzando a rúa | Fonte: XUNTA - Arquivo

Este crecente interese por anticiparse a unha situación de incapacidade podería explicarse, cando menos en parte, polo forte envellecemento da poboación galega, que con 213 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16, é a segunda comunidade autónoma con maior índice de envellecemento, só por detrás de Asturias e case ao par que Castela e León.

O poder preventivo é un documento público autorizado por un notario que permite a unha persoa designar a outra ou outras para que representen os seus intereses, no caso de que xa non puidese decidir por si mesma. Deste xeito, evitaríase o proceso xudicial de provisión de apoios.

Esta fórmula xurídica é cada vez máis demandada polos cidadáns, que acoden ás notarías para asegurar que a súa vontade prevalecerá no futuro. A excepción do ano 2020, cando polo COVID-19 descendeu o seu outorgamento, estes poderes veñen experimentando un crecemento sostido nos últimos anos.

O decano do Colexio Notarial de Galicia, José María Graíño, subliña que “a prevención en todos os ámbitos, familiares, sociais, sanitarios e tamén xurídicos, a colaboración e os apoios son esenciais para garantir o benestar e a dignidade das persoas maiores”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta