Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 05/10/2022 | Actualizada ás 18:23
O senlleiro grupo de música tradicional Fuxan os Ventos recollerá esta noite o galardón honorífico na gala dos Premios Martín Códax da Música. Un detalle da organización para celebrar o seu 50 aniversario como formación musical comprometida coa tradición e o folclore do país.
Dende Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos Premios Martín Códax da Música, destacan que Fuxan os Ventos "non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores senón tamén á Galicia de orixe rural".
O galardón honorífico que se entrega esta noite pon de relevo o significado que a súa música tivo para a sociedade galega cun repertorio que foi camiñando do folk á música popular. Neste senso, cómpre salientar as súas letras, "ben propias ou de poetas, que abrangueron temáticas moi amplas, en ocasións reivindicativas con temas como a emigración, a autonomía, a ecoloxía e a pobreza, ou recolledoras dunha tradición oral coa que tiveron un intenso contacto".
Xunto coa entrega do galardón, na gala tamén se proxectará un vídeo con entrevista e homenaxe ao grupo.
Todo listo, pois, para que nunhas horas se desvelen os premiados e as premiadas nesta IX edición dos Premios Martín Códax da Música.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.