Por GC Tendencias | Lugo | 08/10/2014 | Actualizada ás 19:42
“Cociñando contos”. Así se chama o programa para a animación á lectura da quinta edición da semana do libro de Lugo que se celebra do 19 ao 25 de outubro no Museo Provincial. Xa son preto de 800 os alumnos que se inscribiron nos obradoiros concertados cos colexios e institutos.
Esta edición conta con propostas de luns a venres, de 10 a 14 horas, para os centros de ensino, pensados para as etapas de educación infantil, educación primeira e primeiro de educación secundaria; pero tamén actividades abertas ao público e ás familias. Está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a área de Cultura da Deputación de Lugo, en colaboración con Oqo editora
O responsábel de Cultura do organismo provincial, Mario Outeiro, animou “a todas as familias a participar nestas actividades abertas” e agradeceu “especialmente ao coro infantil do Conservatorio Profesional Xoán Montes, baixo a dirección de Henar Matesanz Fernández e do pianista Juan Ignacio Martínez Pardo, a súa colaboración altruísta con nós para facer o acto inaugural”, sinalou.
Pola súa banda, Xoán Costa, da AS-PG, amosou, en referencia á Deputación de Lugo, o seu “agradecemento a que haxa unha institución que coincida con nós na aposta polo fomento da lectura” e indicou que o obxectivo principal desta semana é “motivar aos nenos e nenas, abrirlles a curiosidade nos libros que faga que no futuro teñamos unha sociedade de lectores”, afirmou.
A inauguración levarase a cabo o domingo, día 19, ás 12.30 horas co concerto do coro infantil do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo. Dende o luns 20 ata o venres 24 de outubro haberá unha actividade todas as tardes no Museo Provincial, que estarán abertas ao público e comezarán ás 18.30 horas. Abrirá o luns Andrea Bayer con ‘Comendo Contos’, seguindo o martes o mago Martín Camiño coa función ‘Contos de maxia’, un espectáculo no que os nenos e nenas poderán gozar de momentos fascinantes e de asombro, xa que poderán presenciar e participar de contos con cordas, papeis, manipulación de cartas ou mentalismo.
O mércores será a quenda para Oqo Editora, que lles amosará aos máis pequenos da casa como se pode viaxar e coñecer novas culturas, así como outras gastronomías, a través dos contos, sen moverse da casa. O xoves, a contadora de historias Soledad Felloza ofrecerá a actividade ‘Contos como rosquillas’, historias para escoitar de dous en dous, como se comen as roscas nas romarías. Finalmente, o venres, Matapiollos Teatro interpretará a obra ‘Comelibros’, na que se mesturan personaxes reais e monicreques nun mundo de libros. O peche da Semana realizarase o sábado, ás 12.30 horas, a cargo do contacontos teatral Trinketrinke, que escenificará ‘Aventuras na cociña’, nas que participan a Avoa Violeta e Lilí Gruyére, dúas ratiñas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.