A conselleira do Mar recoñece que "se poden dar casos de abordaxe no mar" tras o veto á pesca de fondo

Rosa Quintana lamenta que o sector vive un momento de "incerteza, inseguridade e nerviosismo" por non saber "onde e como faenar"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2022 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou este domingo que espera que coa entrada en vigor do veto europeo á pesca de fondo en 87 caladoiros do Océano Atlántico non se produza "ningún tipo de conflito" no mar.

Nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, a titular de Mar explicou que "a inmensa maioría dos patróns" decidirán abandonar as zonas "nas que aínda non está claro como poden pescar e onde" e desprazaranse cara a outras zonas nas que "xa hai xente traballando".

Por este motivo, a conselleira sinalou que espera que "reine o sentido común" e, "unha vez máis", o sector pesqueiro acredite que "ten máis cabeza que algúns dos dirixentes" que, engadiu, "están a levalos por un camiño complexo e de pura tortura".

Así, a conselleira recoñeceu que "se poden dar casos de abordaxe no mar", pero reiterou a súa confianza no sector para que "demostre que ten máis cabeza que algúns xestores que regulan a súa actividade".

"O máis prezado do noso mar é que os nosos mariñeiros que saen a faenar volvan para terra seguros. Se calquera accidente en terra é grave e complicado, imaxinade no medio do Océano", reflexionou.

Así mesmo, Quintana lamentou que o veto deixa ao sector "nunha incerteza total", xa que comeza a funcionar este domingo e "os pescadores aínda non saben moi ben onde teñen que pescar e como poden pescar". "Isto non é aceptable nun marco no que o primeiro que temos que facer as administracións é darlle seguridade xurídica aos traballadores", censurou a conselleira.

Nesta mesma liña, asegurou que "a inmensa maioría" quere cumprir as normas, pero nestes momentos hai "incerteza, inseguridade e nerviosismo" por non saber exactamente "onde e como faenar".

Cuestionada sobre o número de barcos que se verán afectados por este veto, a conselleira indicou que nestes momentos non poden precisar cal é o número exacto, posto que "coa última aclaración" o arrastre e o enmalle quedarían "máis ou menos liberados" e o que se vería máis prexudicado sería o palangre.

RECURSO

En canto ao recurso que o Goberno central anunciou que presentará, Rosa Quintana cre que "tiña que estar xa presentado", "sobre todo se se piden medidas cautelares". Neste sentido, puntualizou que "das palabras do ministro dedúcese que o están traballando e preparando ben para gañalo".

Con todo, a conselleira lamentou que "houbo tempo desde xuño" para abordar "a análise deste regulamento, avaliar os argumentos e montar o recurso non debería de ser algo tan complexo".

Sobre a decisión de non solicitar a suspensión cautelar do veto, a representante da Xunta dixo supor que o ministro terá os seus asesores xurídicos, pero, en todo caso, a Xunta "estivo traballando con recoñecidos xuristas e si que vían a posibilidade de pedir medidas cautelares".

Así mesmo, a conselleira afirmou que lle tería gustado que o Ministerio fose "máis proactivo", xa que "as razóns e argumentos" están ao lado do sector". Por iso, insistiu en que o recurso se podería presentar "moito antes" e tamén se podería conseguir o apoio do resto de rexións da Unión para "frear este ataque sen sentido" á frota galega.

MEDIO AMBIENTE VS ACTIVIDADE

Rosa Quintana afirmou que a Comisión Europea ten previsto "ser cada vez máis medioambientalista e cada vez menos favorable á actividade pesqueira". Ante esta circunstancia, pediu "darlle un toque de atención" á Comisión para que aplique a política pesqueira común que, continuou, "debe estar baseada nos criterios ambientais, pero tamén nos sociais e económicos".

Así, a conselleira lembrou que o medio ambiente "é moi importante", pero, na súa opinión, "é posible defendelo xunto ás actividades produtoras de alimentos". "Hai que facelo tendo un equilibrio", explicou para, a continuación, confirmar que en Galicia se cumpre "desde hai moitos anos".

"Antes de que a Unión Europea pensase en plans de xestión e en áreas mariñas protexidas, o decreto de artes de Galicia é xa do ano 91 e xa nós establecemos uns anexos nos que se regula en que meses pódese traballar e con que artes. Hai formas de facer as cousas sen atacar o medio ambiente e defendendo o sector pesqueiro", insistiu.

PRÓXIMAS REUNIÓNS

Rosa Quintana avanzou que antes de solicitar unha reunión co comisario de pesca da Unión, manterán unha nova reunión técnica a próxima semana con outras rexións europeas afectadas polo veto e, posteriormente, manterán unha reunión política para "ter un posicionamento claro". Nese momento, solicitarán a reunión co comisario Virginijus Sinkevicius.

Neste sentido, detallou que durante estas semanas xa mantiveron encontros cos representantes das outras comunidades autónomas afectadas, cos que acordaron que todos apoian ao ministro "para que se vise fronte á UE que España é un país forte".

A conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, atende aos medios de comunicación durante a protesta polo veto á pesca na praza do Concello de Ribeira, A Coruña, a 8 de outubro de 2022.. César Arxina - Europa Press
A conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, atende aos medios de comunicación durante a protesta polo veto á pesca na praza do Concello de Ribeira, A Coruña, a 8 de outubro de 2022.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta