O gran 'iceberg' do acoso escolar: "Hai centos de casos ante os que non se fixo absolutamente nada"

Esta problemática, que afecta un bo número de crianzas, segue invisibilizada. A comunidade experta detecta carencias á hora de previr e deter o bullying nos centros educativos e demanda figuras especializadas e "accións sistemáticas" que vaian máis alá dos "parches".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Do acoso escolar tan só se coñece a punta do iceberg. Sófreo, segundo o último informe da ONU publicado no 2019, unha de cada tres crianzas en todo o mundo. No Estado, calcúlase que unha de cada cinco está sometida a este tipo de violencias, mais tan só o 15% delas se atreve a contalo, de acordo cos datos da Asociación No al Acoso Escolar (NACE). Trátase, xa que logo, dunha problemática estentida nos centros educativos, pero tamén moi invisibilizada. A detección precoz falla en moitas ocasións, nas que o acoso acaba por impactar de xeito moi importante na saúde e desenvolvemento vital da mocidade. 

Recreación dun neno que sofre acoso escolar nunha escola
Recreación dun neno que sofre acoso escolar nunha escola | Fonte: CEDIDA - Arquivo

"Non é só que non se detecten as situacións, que se deixen evolucionar e que os protocolos que actualmente están implantados teñan carencias, senón que a escola non se ve como un espazo seguro para comunicar o que che pasa; e iso, sumado a outros factores como as inseguridades persoais, a presión de grupo e os propios procesos de construción da túa identidade, fan que tan só coñezamos unha parte moi pequena de todo o acoso escolar que se produce nas aulas galegas", explica Deibe Fernández Simo, vogal do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg). 

Neste novo inicio de curso escolar no que profesionais sanitarios e equipos de orientación dos centros volven mostrar a súa preocupación polo aumento de problemas de saúde mental, autolesións e ideas suicidas na mocidade, o acoso escolar colócase no foco como unha realidade incómoda, dura e aínda moi pouco abordada. "O que máis medo me dá do meu traballo é non detectar un caso", recoñece Pura Prado, profesora no IES Nº1 de Ribeira e membro do Instituto de Mediación Educativa de Ribeira, unha organización sen ánimo de lucro integrada por docentes de todo o municipio cuxo obxectivo é fomentar as relacións pacíficas entre todos os membros da comunidade educativa. 

MEDIACIÓN EDUCATIVA COMO PREVENCIÓN

"Hai que lograr a confianza dos rapaces, tanto na casa coma nos centros. Hai que estar atento aos cambios, se se volve taciturno, se deixa de saír... A situación no patio, e mesmo a forma da mirada do rapaz ou rapaza, pode darnos moita información", explica a profesora. O acoso escolar prodúcese entre iguais pero non en condicións de igualdade, pervive no tempo e ten vontade de facer dano. Nestas circunstancias, as técnicas de mediación que aplican dende o IMER non teñen cabida, pero si son efectivas para previr que se chegue a unha situación de acoso.

"O que se busca é que os conflitos, tanto entre alumnado ou co profesorado ou outras persoas da comunidade educativa, se solucionen no seu inicio de xeito pacífico e dialogado a través dun mediador, normalmente doutro centro para asegurar a obxectividade", sinala Prado. Este proxecto, que leva máis de dez anos en funcionamento e polo que pasan conflitos por cambios de amizades, insultos e situacións que poderían derivar en acoso, ten unha taxa de éxito de "practicamente o 100%", o que significa que o conflito cesa. Con todo, é unha excepcionalidade no sistema educativo galego, no que a solución ao acoso escolar segue dependendo da "voluntariedade" dun profesorado con cada vez maiores cargas de traballo. 

SISTEMA EDUCATIVO "ORFO" DE ESPECIALISTAS NA MATERIA

A situación, segundo o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, require dunha "acción sistémica" que debe garantir a administración educativa. "A pesar de que a maioría do corpo docente é sensible con estas cuestións, hai que dicir que o sistema educativo en Galicia está orfo de especialistas nesta materia; hai claras carencias", asegura Deibe Fernández, que rexeita "parches" e actuacións "parceladas" sen persoal que as asuma. "Aparece a figura do coordinador de benestar, pero que funcións vai asumir logo dun curso dunha serie de horas? Quen levamos anos dedicándonos ao labor profesional e investigador destes procesos tan complexos sabemos que leva tempo entendelos para poder actuar", sinala o educador social. 

Deibe apela, xa que logo, a que todos os centros teñan acceso a figuras especializadas que sirvan de "referencia" para o alumnado e que velen pola construción dun espazo de seguridade para toda a comunidade educativa. "Temos que asumir que o sistema educativo xa non pode ser instrutivo nin pode permanecer alleo aos cambios sociais. Hai que transitar cara a unha dimensión socioeducativa, que non supón maior custo económico, senón un esforzo para cambiar a perspectiva", explica Deibe, que denuncia a ausencia dunha "dinámica proactiva" na detección. "Tan só así poderemos crear escolas equitativas, inclusivas e seguras", engade.

Dende o Colexio fan referencia a estudos nos que observaron que o sistema educativo presentaba "déficits na atención aos facores social", o que incide nos procesos de exclusión escolar e coloca en situacións de vulnerabilidade o 28% do estudantado. "Temos centos de relatos de rapaces que viviron auténticas situacións de acoso escolar tanto dentro como fóra dos centros ante os que non se fixo absolutamente nada, tendo en conta as consecuencias tremendas que provoca: inseguridades, dificultades nas relacións, ansiedade, exclusión académica, ou mesmo, nos casos moi extremos, o suicidio", relata Deibe. 

DO COLEXIO AO MÓBIL

Neste sentido, a profesora Pura Prado pon o foco na importancia do apoio familiar e na necesidade de falar da parte acosadora e de espertar a conciencia do alumnado que observa pero non intervén, tamén pola presión de grupo. "Moitas veces, o que lle fan aos nosos é un acoso pero o que fan os nosos é unha broma", denuncia. "Hai que educar para non acosar e para que esas condutas non se vexan como parte dunha normalidade". Como aspecto positivo, Prado destaca a maior concienciación e visibilidade sobre a problemática hoxe en día - unha cuestión que evidencia a suba de denuncias -, pero tamén sinala as dificultades na súa abordaxe cando o acoso salta do espazo físico do colexio ás pantallas do móbil.

Segundo un estudo realizado por Save the Children no 2019, o 40% da mocidade enquisada sufriu ciberacoso durante a súa infancia. Unhas violencias que afectan en maior medida a nenas que a nenos, que se dan por primeira vez entre os oito e os nove anos, e que son exercidas, a meirande parte delas, por parte dunha amizade ou compañeiro do colexio. "É moito máis difícil de controlar e de intervir, e supón moito sufrimento para a persoa acosada, que xa non pode estar tranquila sequera na casa", explica Prado.

O acoso a través das redes pode adquirir, ademais, unha maior intensidade ao ampararse o acosador no anonimato ou ser menos consciente do dano causado. "Un dos obxectivos da mediación, de feito, é que os rapaces saiban as consecuencias do que din ou do que fan, que se dean conta de que, quizais, o que consideran unha broma non é tal", expón. Dende a súa experiencia educativa, Prado insiste en "superar accións individuais e voluntarias" contra o acoso escolar para facerlle fronte a través dun incremento de recursos e persoal nos centros educativos.

"O século XXI pide ao sistema educativo asumir a realidade e vincularse co que di a comunidade científica: aplicar a perspectiva socioeducativa por parte de figuras especializadas e afastarse de prácticas punitivas. Mecanismos e estratexias témolas, hai que aplicalas", pide Deibe, para que protocolos e lexislación "non queden en papel mollado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta