O PP de Pontevedra pide estancias gratis en Irlanda e RU para todo o alumnado de 3º da ESO

Di que se trata de impulsar un programa de "inmersión lingüística" en inglés.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2022 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo municipal do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou este venres unha moción que levarán ao próximo pleno para reclamar ao goberno local a posta en marcha dun programa de inmersión lingüística en inglés para o alumnado de 3º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

Segundo explicou en rolda de prensa, trataríase un plan dotado con fondos públicos para que os mozos de 14 anos poidan pasar tres semanas en Reino Unido ou Irlanda para mellorar o seu nivel da lingua inglesa.

Ademais dunha "mellora significativa" neste idioma, o portavoz popular engade que programa implicará para os mozos "tamén unha mellora madurativa, pois leva o aprender a desenvolverse en situacións fóra da súa zona de confort e establecer relacións con persoas doutras nacionalidades, coñecendo outras cidades e outras culturas".

Domínguez recoñeceu que se trataba dunha promesa electoral do PP, pero explicou que a levará ao próximo pleno municipal para que o programa xa estea dispoñible o próximo verán, o do 2023. "Se consigo ser alcalde, probablemente o nomeamento non se produciría ata entrado o mes de xuño, o que faría absolutamente inviable que os alumnos puidesen acceder a esta oportunidade", explicou o popular.

O PP calcula que, se esta medida se aprobase no próximo pleno, os funcionarios do Concello poderían comezar a redactar as bases da convocatoria para que así o programa estea dispoñible o verán do 2023. A idea, dixo Domínguez, é que esta oportunidade se vaia repetindo durante os próximos anos con aqueles mozos que chegan a 3º de ESO.

ESTANCIA DE TRES SEMANAS

A proposta do PP incluiría unha estancia durante tres semanas en Reino Unido ou Irlanda, os gastos de viaxe --ida e volta--, monitores bilingües que acompañarán aos alumnos na ida o regreso --cunha proporción dun monitor por cada 10 estudantes--, a matrícula nun curso intensivo de mellora de lingua inglesa, os materiais necesarios para o desenvolvemento do devandito curso co seu correspondente certificado ou diploma, e as actividades culturais e deportivas extracurriculares dispoñibles.

O prezo aproximado desta viaxe é duns 2.700 euros, calcula Domínguez. Por tanto, o custo para as familias cuxos ingresos por persoa excedan de 15.000 euros será de 675 euros, facéndose cargo do resto a administración local. O custo total para as arcas públicas será de 900.000 euros, que, para o popular, "nun Concello cun orzamento de 128 millóns é máis que aceptable".

O portavoz municipal do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, en rolda de prensa
O portavoz municipal do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta