Chega a Cambados a terceira edición do festival Desfoga, centrado no colectivo LGBT+

Terá lugar do 23 ao 30 de outubro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

Desfoga é un festival que se presenta como "un comisariado de arte vivo para cuestionar os poderes, as desigualdades e toda forma de vulneración dos dereitos humanos". Nesta terceira edición, o encontro centrarase na comunidade LGTBIQA+, e terá lugar durante a última semana de outubro (do 23 ao 30) en Cambados, onde se mostrarán proxectos artísticos sobre a identidade e a sexualidade.

Pere Faura actuará no Desfoga en Cambados
Pere Faura actuará no Desfoga en Cambados | Fonte: arquivo

Este festival está organizado pola Asociación Compañía de Teatro Caracol e dirixido por Begoña Cuquejo e Matías Daporta, cunha colaboración no Pazo de Torrado e no Krazzy Krai. O eixo fundamental da programación estará desenvolvido por bloques temáticos que tocan

diferentes temáticas LGBT+, ademais de organizárense cursos, unha exposición e a instalación dun proxecto de xogo participativo.

Así, o xoves, 27 de outubro, estará dedicado á realidade marika, mentres que o eixo do venres será a realidade lésbica e o do sábado a realidade trans. Así mesmo, poderá gozarse das actuacións de Artemisa e O Rabelo; e as mediacións de Pere Faura, Vacaburra (Andrea Quintana e Gena Baamonde) e Victoria Sickness. A organización tamén destaca pezas e performance do ámbito da danza, circo, xogo de mesa participativo, exposicións...

O festival está apoiado por Agadic, Injuve e o Concello de Cambados a través do Departamento de Igualdade. Para a súa vindeira edición en 2023, a organización asinou unha colaboración co Instituto Camoes de Portugal, co Institut Ramon LLull de Cataluña, co festival de sexualidades é xénero en Xenebra e co Concello de Cambados. "Queremos ser un festival asentado en toda a comarca do Salnés para futuras edicións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta