Por Europa Press / Redacción | Ourense | 17/10/2022 | Actualizada ás 18:39
O camposanto parroquial do concello ourensán de Carballeda de Avia --que tamén ten outro cemiterio municipal-- rexistrou a pasada fin de semana desfeitas e o roubo de cruces que datan do século pasado. O domingo pola mañá os veciños alertaron o párroco, Serafín Fernández, de que alguén entrara ao cemiterio esnaquizando cruces de pedra de varias das tumbas.
"Pasei por alí antes de dar a misa e o que vin é que uns vándalos quixeron divertirse facendo dano", resume o cura, antes de explicar que romperon "seis ou sete" cruces de pedra e, agregou, "roubaron algunhas outras para aproveitar o tempo xa que estaban alí".
Con todo, di que "non ten unha maior importancia", que foi "máis o dano moral e sentimental que o valor propio" do que subtraeron e romperon, a pesar do que interpuxo a correspondente denuncia "para que quede constancia".
Unha versión diferente é a que sostén o rexedor municipal, Luís Milia, que explica que outras veces sufriron actos de vandalismo, pero que nesta ocasión considera que "está claro que as persoas que foron ata alí á mantenta" e "non a facer dano, senón a levar esas cruces en concreto".
O alcalde considérao así porque traslada que o cemiterio municipal "é moito máis moderno, como dun quince anos", e a ese non accederon porque "non ten as cruces que roubaron, datadas do século pasado e cun gran traballo na súa elaboración porque esta é unha terra de canteiros".
É por iso que Milia lamenta o dano ocasionado non só na desfeita senón ás familias, porque "un camposanto non deixa de ser un lugar sacro e ten moito valor sentimental". Así, di que é un tema que lle "preocupa" e polo que avanza que "se instalarán cámaras de vixilancia" sen previo aviso, "coa intención de que non volvan producirse esta situación e, se sucede, saber quen son".
Do mesmo xeito, o rexedor municipal fai fincapé en que foron "chafalleiros" porque, "no canto de levar ferramentas para levantar as cruces, fixeron uso da forza bruta" e foi aí "cando moitas delas romperon e decidiron deixalas tiradas, levándose só as que lograron arrincar sen facerlles dano", pero cre que a intención era "levalas todas".
O párroco xa trasladou á Garda Civil os feitos e afirma que a el "realmente" lle interesa máis coñecer "que clase de persoa as vai comprar", xa que para el ten máis responsabilidade "que o que as rouba". "Temos todas as cruces identificadas", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.