O acusado de apropiarse indebidamente dunha leira: "na construcción movemos moito dieñiro en efectivo"

Pagou 50.000 euros en efectivo para facerse cun terreo valorado en 300.00 en Sanxenxo.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 18/10/2022 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

O home acusado de apropiarse indebidamente dunha leira situada na localidade pontevedresa de Sanxenxo declarou este martes ante a Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, que pagou 50.000 euros en efectivo.

Tal como explicou ante os maxistrados, o solar pertencía a unha sociedade que posuían tres irmáns. Con todo, el só pactou a venda cun deles por ser o administrador solidario da compañía. Así, segundo o discurso do acusado, este home (o administrador da sociedade), co que tiña unha relación de amizade, debíalle uns 60.000 euros. Por iso, para o pago desta débeda negociaron a venda da leira.

En total, el pagoulle uns 50.000 euros en efectivo e 15.000 euros en dous pagarés e perdoáballe a débeda, quedando un prezo duns 125.000 euros pola propiedade. A pesar diso, nos documentos de venda só rexistraron 15.000 euros.

O home indicou na súa declaración que o vendedor lle pediu en varias ocasións diñeiro, que llo ía devolvendo aos poucos, aínda que nunca saldaba por completo a súa débeda porque volvía pedirlle máis, debido a que tiña un negocio que non estaba a ir ben economicamente e precisaba efectivo.

O acusado reiterou en varias ocasións que a intención da venda desta leira era o pago da débeda, pero que cando o home tivese o diñeiro suficiente, volveríase a revender polo mesmo importe, ao tratarse dunha leira familiar que quería manter en propiedade.

Preguntado pola orixe dos 50.000 euros que posuía en efectivo, o acusado asegurou que non os retirou de ningunha conta bancaria, xa que no sector no que traballa, a construción, adóitase utilizar moito diñeiro en efectivo.

TRES IRMÁNS

Pola súa banda, os tres irmáns acudiron a declarar tamén este martes. O primeiro deles foi o que vendeu a leira, quen asegurou que non recibiu eses 50.000 euros en efectivo como parte do pago da propiedade, pero si recoñeceu que lle debía ao acusado uns 80.000 euros e que a venda era como garantía de pago desa débeda.

Tamén explicou que el non lle comunicou aos seus outros dous irmáns esta operación, a pesar de que a leira tamén era da súa propiedade porque eran donos da sociedade a partes iguais. Escusouse indicando que a idea era sempre recuperar a leira cando tivese o diñeiro para volver comprala polo mesmo importe.

Tras el declarou a súa irmá, quen asegurou que non tivo constancia da venda desta leira ata meses despois, cando o terceiro irmán descubriuno e contoullo. Na actualidade non ten relación co irmán que enaxenou o terreo e indicou que o valor do mesmo era superior aos 300.000 euros, moito máis que os 125.000 euros pactados.

Ademais, subliñou que o seu irmán lle pediu diñeiro en varias ocasións e que non llos devolveu tampouco. Na mesma liña falou o denunciante, o terceiro irmán. El indicou que descubriu a venda da leira ao non fiarse do seu irmán, que tamén lle debía diñeiro. Por iso, chamou ao acusado para preguntar sobre como a adquiriu e a que prezo e este indicoulle que foi polo pago dunha débeda e que se lle pagaban o mesmo, devolveríalla. No entanto, ao considerar que a leira xa lles correspondía, non accederon e denunciaron.

O acusado este martes no xuízo
O acusado este martes no xuízo | Fonte: PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta