Despois de 13 días de folga o siderometal de Ourense chega a un acordo de subida salarial coa patronal

O acordo recolle unha subida de soldo do 15% entre 2022 e 2024, cun 5% aplicado xa este ano de forma retroactiva desde xaneiro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2022 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A asemblea de traballadores do sector siderometal de Ourense aceptaron a proposta de subida salarial lanzada desde a patronal, polo que a folga indefinida quedou desconvocade despois de 13 días.

O Hotel Francisco II da capital provincial foi o centro de reunión entre o catro asociacións empresariais que conforman a patronal do sector --Asociación Provincial de talleres de reparación de vehículos de Ourense, a Asociación de Concesionarios de Automóbiles, Instalectro e a industria do siderometal-- co tres centrais sindicais convocantes --CIG, UXT e CC.OO.--.

Alí reuníronse nunha xornada que comezou o luns ás 10,00 horas e terminou pasada a 1,00 da madrugada do martes, cun preacordo que este martes ratificou a asemblea dos traballadores. Así pois, aceptaron unha subida salarial do 15% entre 2022 e 2024, co 5% este ano, retroactivo desde xaneiro, a subida do 5,5% para 2023 e outro aumento do 4,5% para 2024.

Ademais, se ao termo da vixencia do convenio o IPC supera o 15%, actualizarán as táboas para 2025 cun tope do 18%. En canto aos días de libranza, os sindicatos solicitaban un día máis sen consolidar para 2022 e un día a maiores para cada un dos anos seguintes, estes consolidados, pero finalmente aceptaron un día de redución de xornada, así como un día libre en 2023 e outro para 2024.

"Entendemos que é un acordo que despois de 16 días non é para estar eufóricos, pero cedemos nós e cedeu a patronal", resume o secretario comarcal de CIG-Industria, Indalecio Gómez.

FOLGA DESDE O DÍA 5

O 26 de setembro, os sindicatos anunciaron os primeiros paróns, esixindo "un convenio digno para o metal", para o 28 e 29 de setembro. Entre as peticións, estaba un incremento do 6,5% salarial para os anos 2022 e 2023, e do 5% para 2024, cunha cláusula de revisión, e que os atrasos se recibisen desde o 1 de xaneiro. Ademais, as centrais pedían un día máis de libranza sen consolidar para 2022 e un a día maiores para cada un dos anos seguintes, eses consolidados.

Non se chegou a ese acordo, senón que a patronal presentou unha proposta de subida salarial do 5% para 2022 e do 4% para os outros dous anos, e puñan a data para comezar a recibir os atrasos o 1 de xullo no canto do 1 de xaneiro, como pedían os traballadores.

Por tanto, os sindicatos consideraron que "non había interese en desbloquear a situación" e convocaron a folga indefinida desde o pasado 5 de outubro. O parón chega este martes ao seu fin, coa continuación das quendas de noite tras o acordo

Folga no siderometal da provincia de Ourense
Folga no siderometal da provincia de Ourense | Fonte: CIG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta