Lembranzas de viaxeiro: Sorpresas en Eslovenia

O máis setentrional dos países balcánicos será sempre para min o país das sorpresas. E creo que non son o único. Xogadores de baloncesto, edificios relixiosos, osos pardos, bosques, saltos de esquí ou unha enorme biodiversidade, son algúns dos elementos que identifican a Eslovenia.

Por Homo ambulans - Guido Álvarez | Lugo | 15/10/2014

Comparte esta noticia

Por aquel entonces estaba vixente o antigo modelo de viaxe interrailera, o das zonas de países (España-Portugal-Marrocos, Francia-Bélxica-Holanda-Luxemburgo, etc.)… e Italia estaba dentro do paquete de Grecia, Turquía e Eslovenia. A nosa idea era facer Italia-Grecia (Turquía supoñía un esforzo de tempo inasumible), e quedaba aí a dúbida de se ir ou non a Eslovenia, un país do cal naquel momento non tiñamos moita información. Finalmente decidimos que si.

Giulianova, Bologna e Venezia foron as paradas previas. E foi da cidade dos canais de onde partimos cara o novo país. Previa parada en Trieste, na madrugada cruzamos a fronteira camiño de Ljubljana. Eu durmín un par de horas naquel tren cargadísimo de xente, e lembro perfectamente a sensación de espertar no amencer con aquelas paisaxes que agora que coñezo máis países, compararía con Suíza ou co sur de Alemaña. ¡Non agardaba aquilo! Daquelas non coñecía ningún país centroeuropeo, nin balcánico, e por iso non sabía que podía agardar exactamente de Eslovenia.

Logo chegamos a Ljubljana, que rapidamente converteríase nunha das miñas cidades europeas favoritas. Unha das capitais máis pequenas do mundo, esta eslovena ten o encanto de ser unha das que menos apabulla, das que menos atorda. Ten unha poboación similar á da Coruña, pero unha atmosfera máis semellante á de Santiago. Algo menos de 300.000 habitantes pero con máis de 60.000 universitarios. Un río, o Ljublianica, rebosante de vida e cultura (terrazas cheas de mozos e mozas, músicos e artistas de todo tipo…), e moitas atraccións turísticas como o castelo (no cumio da colina que domina o centro da cidade, pódese subir en funicular e observar unha fermosa vista da cidade dende a altura), a Ponte dos Dragóns ou unha infinidade de igrexas (Eslovenia é un dos países con máis igrexas por habitante de Europa, posúe en total máis de 3.000).

Ponte dos Dragóns / Foto: Guido Álvarez

Califico a Eslovenia como o país das sorpresas, pero é concretamente en Ljubljana onde vivín máis.

A primeira naquel segundo interrail da miña vida: na praza Prešeren atopámonos con outros 6 erasmus de Téramo! Unha delas galega, de Arzúa, que logo nun caderno firmárame unha dedicatoria poñendo que agora si que cría iso de que alá onde vaias no mundo sempre atoparás un galego, hehehe.

Praza Prešeren / Foto: Guido Álvarez

A segunda foi na mesma praza, catro anos despois, na miña terceira viaxe de Interrail, desta volta con dous amigos de Triacastela e Outeiro de Rei. Alí atopamos a Vlade Divac! A estrela da NBA, ex-xogador dos Lakers que naqueles días pasaba pola cidade debido a un encontro de vellas estrelas da antiga Iugoslavia. Despois de facernos unha foto con él, sentou nunha terraza con outros tipos enormes que a posteriori deducimos serían outros antigos mitos do baloncesto balcánico.

Con Vlade Divac na Praza Prešeren  / Foto: Guido Álvarez

De Ljubljana hai máis recordos fantásticos, como que nesa viaxe do 2011 puxéramos un anuncio no grupo de Couchsurfing da cidade titulado “Three Galician travellers” propoñendo un encontro de viaxeiros, e fomos recibidos nesa mesma Prešeren-Platz por case vinte persoas (a maioría eslovenos) que nos levaron a un festival de música e posteriormente a tomar un café a un rañaceos…realmente acolledores!

Praza Prešeren  / Foto: Guido Álvarez

E o outro lugar visitado foi o lago de Bled, na primeira viaxe. Volta ás paisaxes de contos, coma naquela primeira entrada ó país. Alí chegáramos tamén en tren, e a impresión foi grande cando vimos aquel lago escuro con ese fermoso castelo medieval no medio. Vimos como adestraba o equipo olímpico de piragüismo, e tomamos un kava (café, en esloveno) nunha taberna típica e pintoresca.

Lago de Bled / Fotos: Guido Álvarez

Impresións dun país antes descoñecido, e que grazas ó Interrail empecei a estimar moito dende aquel ano 2007. Un dos países con máis osos pardos (entre 500 e 700), o terceiro de Europa con máis bosques, o 0,004 % da superficie da terra pero no que está o 1 % de todos os seres vivos e máis do 2 % das especies continentais. O lugar onde se lograron máis de setenta récords mundiais de salto de esquí, o que nalgún momento –fai só uns anos- foi o país con máis xogadores NBA por habitante. Un país de sorpresas.


Guido Álvarez

Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985) Diplomado en Turismo, máster en Planificación e máster europeo en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e profesional en varios países europeos, entre as súas experiencias destacan o seu traballo durante tres anos nos observatorios turísticos do CETUR (Santiago de Compostela) e a súa participación nos programas de estudos Maclands, Leonardo e Erasmus.

Todos os artigos de Guido Álvarez aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Guido Álvarez Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985) Diplomado en Turismo, máster en Planificación e máster europeo en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e profesional en varios países europeos, actualmente traballa en Francia. Entre as súas experiencias destacan o seu traballo durante tres anos nos observatorios turísticos do CETUR (Santiago de Compostela) e a súa participación nos programas de estudos Maclands, Leonardo e Erasmus. Blogue Twitter