A Xunta pide colaboración cidadá para mellorar a xestión de residuos: "hai que cambiar o comportamento"

Pola súa banda, a oposición cuestionou a eficacia da planta de tratamento de Sogama

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2022 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático, María Sagrario Pérez, apelou a unha maior colaboración cidadá para mellorar a xestión dos residuos, durante a súa intervención, en Comisión, no Parlamento galego.

Fíxoo para informar o plan de xestión de residuos municipais 2023-2030 e para avaliar o vixente ata este ano, a petición do BNG, que, do mesmo xeito que o PSdeG, cuestionou a eficacia da planta de tratamento de Sogama, fronte á defensa que fixo do mesmo a directora xeral.

Esta argumentou, entre outras cuestións, que o depósito en vertedoiro de residuos está en torno ao 28% en Sogama, cifrándoo en máis dun 60% nas de Nostián e Lousame. "Galicia é a quinta comunidade autónoma que menos vertido ten, diante do País Vasco", citou, entre outros datos.

Na súa intervención, vinculou tamén coa capacidade de reciclar máis residuos e xerar compostaxe cunha maior colaboración cidadá. "Non é só un problema de investimento, senón de cambiar o comportamento".

Fronte a iso, o deputado do BNG Luís Bará asegurou que Galicia está "á cola" en reciclaxe e compostaxe. "Pode maquillar o que queira", replicou á directora xeral de Calidade Ambiental en relación ás cifras achegadas.

Tamén alertou dun 'Sogama II' cos anuncios da Xunta en relación á economía circular e a xestión de xurros e pediu buscar "solucións de proximidade e de autosuficiencia" para mellorar a xestión nesta materia despois de que a responsable autonómica apostase, entre outras cuestións, por impulsar campañas de concienciación.

A deputada socialista Pomba Castro reprochou á Xunta o incumprimento do plan vixente ata este ano, cunha reciclaxe que situou nun 17% en 2020, só dous puntos por encima respecto de 2010, data de inicio do mesmo. "Que o novo plan non quede en papel mollado", demandou.

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, acompaña a unha delegación de senadores franceses nunha visita á planta de Sogama. CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, acompaña a unha delegación de senadores franceses nunha visita á planta de Sogama. CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta