Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2022 | Actualizada ás 20:00
A Casa da Cultura de Verín acolle entre os días 26 e 29 de outubro a cuarta edición do ciclo de cinema galego-portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade. Unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Concello de Verín, o Instituto Camões e o Museo do Pobo Galego que ten como obxectivo promover o intercambio cultural entre Galicia e Portugal.
Nesta ocasión, o ciclo céntrase no papel das mulleres no mundo da morte e da dor, que se ergue cunha forte carga patrimonial e social. Sobre estes aspectos versarán as pezas audiovisuais seleccionadas, que contribuirán tamén a amosar as características comúns e as diferenzas que existen en moitos territorios do rural galego e portugués arredor do rol da muller, as crenzas e os ritos mortuorios.
A cita comezará coa proxección do filme A Metamorfose dos Pássaros, de Catarina Vasconcelos, e continuará o venres cunha xornada de curtas, nas que se proxectarán: A menina que vía homes encadeados, de Alicia López; Arraigadas á terra, de Lorena Álvarez Martínez e Iris Justo; Santa Baia de Montes, dirixida por Sabela Souto; Barbas de baleia, de Mariana Bártolo; Água mole, de Alexandra Ramires (Xá) e Laura Gonçalves; Em companhia da morte, de Vanessa Vilaverde, João Aveledo e Eduardo Maragoto; e Mate, dirixida por Pedro Noites. O ciclo pecharase coa longametraxe Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva.
Ao remate de cada xornada haberá un debate-coloquio coas directoras e directores dos filmes, un representantes dalgunha das institucións organizadores que actuarán a xeito de moderadores e o público asistente. Este ciclo forma parte dunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, coa que se busca fomentar un debate entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor dos bens patrimoniais sobre os que se están a desenvolver actuacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.