Galicia é a primeira autonomía en presentar o plan de xestión do xabaril para previr a peste porcina africana

Busca mitigar o seu impacto nos ámbitos agrícola, ambiental ou viario.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/10/2022 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

A Xunta remitiu este mes ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) o plan de xestión a medio e longo prazo das poboacións de xabaril silvestres para reducir o risco de entrada e difusión da peste porcina africana en Galicia.

Un xabaril
Un xabaril | Fonte: Europa Press.

O anuncio foi realizado pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a súa intervención ante a Comisión de Agricultura para responder a unha pregunta sobre o xabaril e a súa xestión a nivel autonómico.

Desta forma, tras remarcar que Galicia foi a primeira comunidade en presentar este documento ante o Goberno central, Do Campo explicou que o plan foi acordado coa Consellería do Medio Rural e nel detállanse as medidas de actuación que se aplicarán co obxectivo de protexela fronte a esta enfermidade e mitigar o seu impacto nos ámbitos agrícola, ambiental ou viario.

Do Campo explicou que no período 2021-22 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda outorgou "algo máis de 4.100 autorizacións extraordinarias" para realizar accións de control por danos en cultivos e explotacións gandeiras.

Así, a directora xeral sinalou o incremento das accións de control sobre as poboacións do xabaril dos últimos anos, "axilizando e eliminando trabas administrativas", así como mediante unha progresiva ampliación do período hábil de caza ata chegar ao actual, que se estenden desde agosto ata finais de febreiro.

Nesta liña, explicou que o plan aposta por regular e prohibir a alimentación suplementaria a estes animais, continuar coa formación aos cazadores na materia, medidas de ordenación territorial e de protección dos cultivos e explotacións, ou a concienciación social.

Así mesmo, Do Campo enmarcou a elaboración desta folla de ruta na xestión fronte á peste porcina no traballo que desde hai anos desenvolve o Goberno galego co obxectivo de facer unha xestión eficiente das poboacións de xabaril e minimizar o seu impacto no medio rural e nas actividades coas que comparten territorio.

Finalmente, indicou que desde o ano 2016 Galicia destinou case 10 millóns de euros, incluído o orzamento para 2023 a estas axudas, "a maior contía mobilizada a tal fin por unha comunidade autónoma".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta