Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2022 | Actualizada ás 19:34
Bombeiros e bombeiras forestais de seis meses da Xunta de Galicia e demais colectivos temporais veñen de convocar unha manifestación para o próximo martes, 25 de outubro, co obxectivo de demandar melloras laborais e "loitar contra a temporalidade e na defensa do traballo durante os 12 meses do ano".
"O abandono e a precariedade á que estamos sometidos lévanos á convocar unha manifestación para defender os nosos dereitos", explican nun comunicado conxunto as dúas asociacións de defensa do persoal de incendios que chaman á mobilización, ATRIFOGA - Asociación de Traballadores/as de incendios forestais de Galicia - e APROPIGA - Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais de Galicia.
Baixo o lema 'Dignidade laboral. Traballo estable todo o ano', as asociacións denuncian un "trato discriminatorio" por parte da Consellería de Medio Rural cara ao persoal de seis meses, así como a "improvisación constante" á que, explican, está sometido todo o persoal discontinuo, unha situación que consideran unha "falta de respecto".
Por iso, piden que todo o colectivo que compón o Servizo de Prevención contra Incendios Forestais (SPIF) se mobilice contra a temporalidade e polo traballo durante todo o ano, "pola recuperación dos dereitos perdidos, pola cobertura de prazas e, en definitiva, polas melloras laborais e contra a precariedade que están a sufrir os/as bombeiros/as forestais, especialmente despois do verán máis duro dos últimos tempos".
Dende as asociacións agardan unha "gran afluencia de traballadores e achegados", e convidan a todas as persoas a "coñecer de primeira man os motivos da nosa loita". A manifestación dará comezo este martes 25 ás 11:00 diante da Dirección Xeral de Defensa do Monte e concluirá na Secretaría Xeral Técnica en San Caetano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.