Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2022 | Actualizada ás 10:49
2022 está a ser un ano de claro retroceso na transición cara a un sistema eléctrico 100% renovable en Galicia. Cando menos esta é a conclusión que vén de trasladar o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) tras calcular, a partir dos datos divulgados por Rede Eléctrica de España, que a produción renovable diminuíu un 35% nos nove primeiros meses deste ano en comparación co mesmo período de 2021. Pola contra, a fósil medrou un 25%.
A seca e o cativo crecemento da potencia eléctrica renovable instalada explican o forte descenso da produción renovable, que só representou o 61% da total entre xaneiro e setembro deste ano, "lonxe do 100% ao que debería aspirar Galicia en 2030 para atinxir unha redución ambiciosa das emisións de gases causantes de cambio climático durante a presente década", matiza o Observatorio.
A caída na xeración renovable durante os primeiros nove meses de 2022 debeuse principalmente, segundo analizar o OGACLI, á baixada do 66% na produción hidroeléctrica. "A achega dos parques eólicos, cuxa potencia instalada apenas medrou, tamén baixou, mais só un 6% en relación ao mesmo período de 2021", engade. Deste xeito, o
oco deixado pola produción renovable foi cuberto, en parte, polo incremento da produción da central de carbón das Pontes e, sobre todo, das dúas centrais de gas fósil (ciclos combinados).
A xeración de electricidade nas centrais de gas medrou un 31% con respecto a 2021. Nos meses de verán o gas fósil queimado nos ciclos combinados das Pontes e Sabón (Arteixo) achegou que o 35-40% da electricidade producida en Galicia. Algo que, indica o Observatorio, non tería acontecido de non se ter producido unha notable desaceleración do crecemento da potencia renovable durante a década pasada.
"Sen un forte aumento da potencia instalada, especialmente da eólica e da solar, a xeración renovable galega continuará a minguar moito nos anos secos, que poden ser cada vez máis frecuentes", alerta o Observatorio. Porén, ata setembro, a potencia renovable instalada en Galicia só creceu o 0,8% en comparación con 2021, segundo o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Unha cifra que dende o Observatorio entenden "moi baixa" e que mesmo supón "a metade do lento crecemento medio anual rexistrada na década 2011-2020".
Pola súa banda, a repunta na produción de electricidade fósil vai provocar, explica o Observatorio, un incremento significativo das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) asociadas á xeración eléctrica. O OGACLI estima que en setembro xa atinxiron uns 2,5 millóns e medio de toneladas, fronte aos 2,7 de todo o ano pasado, o que asegura unha "ruptura" coa etapa de descenso iniciada en 2018. Ademais, a reactivación da central de carbón das Pontes antes de fin de ano contribuirá a iso de xeito especial.
O aumento interanual da xeración eléctrica fósil tería sido maior de non teren diminuído a demanda interna e a exportación de electricidade. Polo de agora, Redeia só divulgou os datos para o período xaneiro-maio, no que se constatou un descenso do 18% na demanda galega de electricidade, que parece debido principalmente á paralización da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao e á menor actividade da industria en xeral, moi afectada pola suba do prezo da electricidade, segundo analiza o Observatorio.
No cómputo mensual, a produción renovable galega apenas conseguiu cubrir a demanda interna en xaneiro e marzo e ficou por debaixo en febreiro, abril e maio, situación que seguramente, conclúe o Observatorio, se ten acentuado nos meses posteriores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.