Nace a web que incluirá a información do Inventario Forestal Continuo de Galicia

A Consellería de Medio Rural desenvolveu un novo portal web con toda a documentación e información do Inventario forestal continuo de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2022 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural desenvolveu un novo portal web con toda a documentación e información do Inventario forestal continuo de Galicia.

Esta páxina, creada en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, permite acceder a un visor cartográfico para a súa consulta ou a un centro que permite descargar diversos datos.

Sobre isto, destacan que os novos mapas de usos e especies forestais de media e alta resolución do distrito XIV Verín-Viana xa están a disposición pública e os resultados mostran unha subida da superficie ocupada por especies de frondosas caducifolias.

Así mesmo, poden verse as presentacións do proxecto do Inventario, artigos científicos, e todo o relacionado cos cursos gratuítos de formación para poder participar como persoal de campo na toma de información das parcelas de inventariado.

Esta nova web enmárcase no convenio de colaboración asinado pola Consellería de Medio Rural e as universidades de Santiago de Compostela (USC) e Vigo (UVigo) en 2020 para o desenvolvido do xa citado Inventario forestal continuo.

Explican a este respecto que as actuacións comprendidas diríxense a "realizar un traballo conxunto entre as institucións para coñecer a situación dos recursos forestais de Galicia e desenvolver plenamente a necesaria produción científica e académica en materia de inventarios forestais dos bosques galegos".

Así, trabállase nos resultados en forma de mapas e de datos procedentes das parcelas de inventariado que recollen as brigadas da empresa pública Seaga e que se irán reflectindo na páxina web.

Bosque. EUROPA PRESS - Arquivo
Bosque. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta