A oposición considera "inaceptable" o fin das bonificacións ao lixo: "castiga aínda máis ás familias"

O PSdeG presentou unha serie de iniciativas para que a Xunta manteña a bonificación do 10% no canon aos 167 concellos adscritos a Sogama.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2022 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Os partidos da oposición, BNG e PSdeG, recriminaron este xoves a subida que suporá o fin das bonificacións que se aplicaban á factura dos lixos e reclamaron que se devolva á situación actual.

Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao Goberno popular de estar "máis preocupado por que Naturgy obteña beneficios que polos problemas das familias galegas para chegar a final de mes".

Segundo sinalou o BNG, a formación nacionalista solicitará a "retirada desta medida" que, xunto á subida do canon da auga e ao "pelotazo fiscal que beneficia a 7.700 millonarios", demostra que Galicia ten "un goberno do PP sen corazón", que presenta uns orzamentos "fóra da realidade".

A portavoz nacional do BNG reprochou á Xunta a subida da factura tras un encontro en Vilagarcía con profesionais da sanidade pública e afectados pola "deterioración" de atención primaria na comarca. En declaracións aos medios, Pontón considerou "inaceptable" a medida que "castiga aínda máis ás familias galegas no actual contexto económico".

"Vemos unha vez máis ao PP ao lado do lobby eléctrico e sen importarlle os problemas que teñen as familias deste país para poder chegar a final de mes", reprochou a dirixente nacionalista, quen advertiu, a continuación, que "se non lles chegaba coa subida da luz ou a alimentación", agora tamén hai que ver "como se lle sobe o recibo da auga a 320.0000 familias" e os lixos "a todos os galegos".

"É realmente impresentable e demostra ata que punto o PP ten un desnorte", manifestou Pontón en referencia ao proxecto orzamentario con medidas como a bonificación do imposto de patrimonio. A portavoz nacional do BNG considerou que a Xunta presenta uns orzamentos "fóra da realidade" e está "instalado nunhas posicións burocráticas que non permiten darlle solucións aos problemas deste país".

INICIATIVAS DO PSOE

Pola súa banda, a portavoz de Medio Ambiente do Grupo Parlamentario Socialista, Pomba Castro, presentou unha serie de iniciativas para que a Xunta manteña a bonificación do 10% no canon aos 167 concellos adscritos a Sogama.

A decisión supón "afogar aínda máis aos concellos xa os veciños" nun momento de crise de prezos, á vez que significa, paralelamente, "enriquecer a unha eléctrica", como é Naturgy, propietaria do 52 por cento de Sogama.

Castro sinalou que a decisión é "totalmente insolidaria" e "contraria" aos principios ambientais que priman a redución do lixo fronte á valorización enerxética ou a incineración, polo que debería ser "revertida mantendo a bonificación" que se prorrogou durante o últimos tres anos.

Os socialistas lembran que estes concellos estaban a recibir esta bonificación por cumprir os compromisos de redución de volume de lixo e envases lixeiros e por rebaixar a factura dos veciños, cumprindo, deste xeito, os seus "deberes ambientais".

Complexo Ambiental de Cerceda / Sogama. / Europa Press
Complexo Ambiental de Cerceda / Sogama. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta