Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2022 | Actualizada ás 19:05
Ecoloxistas en Acción, xunto con varias entidades e a veciñanza afectada, vén de dar un "ultimatum" á Xunta de Galicia para que declare a caducidade das concesións mineiras que forman a mina de Varilongo, "outorgadas en 1942 para permitir a explotación de volframio por unha empresa controlada pola Alemaña nazi", explica a asociación.
A explotación da mina paralizouse en 1986, hai case 40 anos. Aínda que entre 1986 e 1988 se formalizaron autorizacións de suspensión temporal de labores, a actividade nunca se reiniciou. Segundo explica a asociación, logo de varios accidentes graves polos numerosos pozos e chimeneas, en 2007 a entón concesionaria presentou un plan de peche e abandono, cun orzamento de 874.000 euros, "que a Xunta nunca chegou a aprobar, mantendo vivas as concesións".
Actualmente, e a pesar de que as concesións están incursas en causas de caducidade, "dúas empresas pretenden usar esta situación irregular xerada pola Xunta para lanzar varios proxectos contiguos de megaminaría a ceo aberto, asentandos sobre as concesións", denuncia Ecoloxistas en Acción.
Por unha parte, explican, a empresa australiana Pivotal Metals (antes chamada Rafaella Resources) pretende abrir unha gran mina a ceo aberto de volframio e estaño en Varilongo, coa creación de "varias escombreiras de enormes dimensións e unha balsa de lodos que ocuparían centos de hectáreas". Por outra banda, a empresa sueca EuroBattery Minerals afirma que xa entregou o proxecto para abrir unha mina a ceo aberta de níquel e cobre sobre a Braña da Serra, situada entre Castriz e Salgueiras, nas nacentes do río Xallas.
Ecoloxistas en Acción, xunto con outros colectivos ambientais e veciñais, vén realizando denuncias continuadas polos "impactos severos" ao medio ambiente causados pola situación actual das concesións: "Hai vertidos ilegais de augas de mina con elevadas concentracións de metais pesados, realízanse sondeos ilegais e falta unha restauración de pozos e chimeneas que causan un risco permanente á vida das persoas e da fauna", sinalan nun comunicado.
Así pois, a organización ecoloxista esixe á Xunta de Galicia que, de xeito previo á declaración da caducidade, obrigue á empresa concesionaria a presentar un plan de peche e clausura polo que a mineira teña que "restaurar as zonas afectadas, poñer fin aos vertidos ilegais e constituir as garantías económicas necesarias para evitar a súa fuga".
Ademais, Ecoloxistas en Acción lembra ao funcionariado e autoridades que "son persoalmente responsable pola situación actual" e que o propio Tribunal Supremo se ten pronunciado, no sentido de que a declaración de caducidade dunha condición é "un acto que non é discrecional senón que regrado, e que debe adoptarse obrigatoriamente, baixo pena de responsabilidade, se se dan os presupuestos previstos pola Lei".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.