Un avogado podería ir tres anos á cárcere por non defender a uns clientes que o contrataron

Está acusado dun delito de estafa e de deslealdade profesional

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2022 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

A Ficalía pide tres anos de cárcere por un delito de estafa para un avogado que se comprometeu en 2014 a defender a uns clientes --que chegaron a efectuar pagos-- e non cumprir co seu labor, motivo polo que ademais se lle imputa un delito de deslealdade profesional. O caso procede do Xulgado de Instrución nº1 de Arzúa e xulgarase na Sección 2ª da Audiencia Provincial da Coruña o vindeiro xoves 10 de novembro.

Segundo relata o Ministerio Fiscal no seu escrito, o acusado, avogado colexiado que exercía nun despacho de avogados na Coruña, foi cotratado en setembro de 2014 pola vítima para que defendese á súa parella sentimental e ao fillo deste, ambos en prisión provisional.

Tras contactar cos dous presos, "prometeulles que conseguiría a súa excarceración nun prazo aproximado dun mes", preparando a defensa de ambos unha vez foron postos en liberdade, á vista do xuízo que se celebraría e na que figuraban como acusados.

O acusado chegou a personarse como defensor de ambos e presentou escrito de personación con data 17 de outubro de 2014. A partir dese momento, mantivo conversacións cos clientes, a quen lles insistía en que conseguiría librar aos acusados do cárcere.

"A pesar diso, actuando co afán de enriquecerse e sen intención algunha de cumprir as obrigacións profesionais asumidas" requiriu ao contratante en concepto de provisión de fondos, dous pagos de 3.000 euros en setembro e decembro de 2014, así como de 600 euros, en novembro, para o pago de procuradores.

Fixo crer así aos clientes que facía xestións xudiciais, interpuña recursos ou solicitaba ao xuíz a posta en liberdade, cando non presentou ningún escrito ante o órgano xurisdicional competente, o que determinou que pai e fillo estivesen presos ata o momento da celebración do xuízo os días 10, 11, 12 e 15 de febreiro de 2016.

En virtude da sentenza do 24 de febreiro de 2016 da Sección Primeira da AudienciaProvincial da Coruña, os clientes resultaron condenados ás penas de nove anos de prisión, como autores dun delito de secuestro, e de dous anos e seis meses de prisión, por un delito de tenencia ilícita de armas.

DELITOS E PENAS

Por todo isto a Fiscalía ve un delito continuado de estafa, polo que solicita unha pena de tres anos de prisión e un delito de deslealdade profesional, polo que piden 20 meses de multa, con cota diaria de12 euros, responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento e catro anos de inhabilitación especial para o exercicio da avogacía. Ademais de abonar as costas, o acusado deberá indemnizar aos prexudicados con 6.600 euros polas entregas en efectivo realizadas e en 10.000 euros, a cada un deles, por danos morais.

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta